A perspectiva da nación galega

Intervención da Fundación Galiza Sempre no Seminario Right to self determination: A new Europe based in peoples rights Foro Social Europeo. Malmö, 17 a 21 de setembro de 2008

O movemento político contemporáneo a prol do exercizo da súa soberanía polo povo galego arrinca da sublevación de 1846, sofocada polo exército da monarquía española: os chamados “mártires de Carral” marcan o comezo do proceso de loita cívica, cultural e política pola autodeterminación da nación galega, que tivera Estado propio dende o remate do Imperio Romano – o Reino Suevo – até a baixa Idade Media – o Reino de Galiza. Durante o S.XIX, ese combate democrático desenvólvese primordialmente en catro frentes. No cultural, pola rehabilitación sociolingüística e a recuperación do uso escrito do idioma propio: é o “Rexurdimento” literario, dende Rosalía de Castro. No social, pola emancipación do campesiñado: é o movemento abolicionista dos “foros”, forma de servidume á que estaba sometida a case totalidade da povoación labrega. No económico, pola descolonización: o país, daquela primordialmente agrario e pesqueiro, estaba convertido nunha “colonia interna” do Estado español. No xurídico-político, pola accesión do dereito civil consuetudinario ao rango legal e a consecución dun aparato de estado baseado na soberanía propia.