Crise e fracaso da Unión Europea neoliberal. Unha alternativa soberanista e democrática

Este libro pecha un ciclo na Fundación Galiza Sempre. Non sendo unha decisión premeditada resulta simbolicamente útil porque a obra sintetiza, dalgún xeito, determinadas prioridades de trece anos de traxectoria. Vicenç Navarro, un dos nosos primeiros conferenciantes, falábanos en 2001 de globalización, neoliberalismo e políticas sociais pouco antes de que organizaramos en Compostela un acto divulgativo sobre o Foro Social Mundial que viña de xurdir en Porto Alegre (Brasil). Ficaban así enunciadas dúas liñas estratéxicas na nosa actividade: a crítica da mundialización económica –e das súas secuelas de desigualdade e exclusión– e o interese por revitalizar o pensamento crítico nunha esquerda desorientada pola erosión de moitos dos seus dogmas.

A nación galega, como suxeito de dereitos políticos colectivos, definía a orientación específica que procuramos por eses vieiros con unha preocupación especial pola sorte das súas xentes –asumindo a perspectiva feminista–, a historia do seu nacionalismo e a súa proxección internacional. Na busca do seu lugar no mundo –mellor aínda no outro mundo posíbel– tecemos redes e intercambios para dar a coñecer e compartir os afáns emancipadores do nacionalismo galego contemporáneo chegando a establecer compromisos con organización afíns, entre as que merecen un lugar destacado o CIEMEN catalán e o Centre Maurits Coppieters (CMC), a fundación política que traballa desde Bruxelas por outra Unión Europea onde a democracia recoñeza os dereitos de todos os pobos que encarnan a súa diversidade nacional, lingüística e cultural.

O traballo conxunto co CMC está precisamente na orixe desta publicación na que Xavier Vence, colaborador habitual da fundación, aborda algúns retos cruciais para Galiza, os galegos e as galegas, cando a crise desenmascara o capitalismo ultraliberal e as nacións sen estado emerxen para afirmar de vez o seu protagonismo e, se cadra, a alternativa que merece o noso vello continente.

ÍNDICE
PRESENTACIÓN
INTRODUCIÓN
A DINÁMICA ECONÓMICA E A CONVERXENCIA/ DIVERXENCIA REAL: UNHA EUROPA HETEROXÉNEA E NEOLIBERAL
1. Crecemento económico lento e estancamento da converxencia rexional
2. A insustentabilidade do modelo: especialización produtiva e balanza comercial
3. Unha nota sobre os países de recente integración e a sobredose neoliberal

O FRACASO DA GOBERNANZA ECONÓMICA EUROPEA
1. Da crise financeira á crise do euro e da gobernanza da eurozona
2. O fracaso do PEC, o Pacto Orzamentario e as novas medidas de control da estabilidade
3. O BCE: O corsé monetario da UME, crise da balanza de pagamentos e débeda soberana
4. Contraste entre o BCE e a Reserva Federal de EEUU: o espello das incongruencias

SECTOR FINANCEIRO: DESREGULACIÓN E FRAGMENTACIÓN
1. A lexislación financeira pre-crise na UE: as cousas menores
2. Lexislación post-crise na ue: insuficiente e a destempo
3. Valoración das reformas: algo de regulación para reforzar as finanzas neoliberais

A POLÍTICA DE COMPETENCIA: A DIRECTIVA DE SERVIZOS [Alba Nogueira López]
1. A liberalización como principio guía
2. A termita Bolkestein e as súas secuelas comunitarias e internas
3. Liberdades económicas contra o Estado social
4. Unha excusa para a desregulación e a centralización

GOBERNANZA ECONÓMICA E DEMOCRACIA NA UE: DILEMAS E AMEAZAS
1. Globalización neoliberal, Soberanía e Democracia
2. Soberanía e democracia: de Bretton Woods á Globalización Financeira
3. A Globalización Financeira e a democracia (esvaecida) na Unión Europea

AS NACIÓNS SEN ESTADO E OS PAÍSES PEQUENOS NA UE

CONCLUSIÓNS E PROPOSTAS PARA UNHA OUTRA EUROPA

BIBLIOGRAFÍA