Mulleres e poder de decisión na política institucional

Estudo e propostas sobre a situación das concelleiras galegas.

A exclusión das mulleres do exercicio do poder político constitúe unha das principais denuncias do movemento feminista desde os seus comezos: primeiro, porque se lle negaron explicitamente ás mulleres os dereitos de participación política e, actualmente, porque, malia o recoñecemento dos dereitos políticos tamén ás mulleres, a súa participación no ámbito público e, especialmente en postos de representación e responsabilidade política, continúa a ser distinta á dos varóns, tanto cuantitativa como cualitativamente. Precisamente, un dos primeiros obxectivos que contribuíu a conformar un “movemento” feminista (como loita de grupo, de carácter colectivo) foi conseguir que se recoñecese tamén ás mulleres, ao igual que aos varóns, os dereitos políticos (basicamente o dereito de sufraxio activo e pasivo), xa que, na primeira etapa do proceso de construción dos modernos estados liberais, privárase dos mesmos ás mulleres, como aos varóns non propietarios. A presión do movemento obreiro conseguiu o dereito de sufraxio activo e pasivo para os varóns proletarios, e a iso denominóuselle falazmente sufraxio “universal”, mais foi a loita do movemento feminista e a súa conquista dos dereitos políticos para as mulleres a que dotou de verdadeiro contido a esa expresión ao incorporar formalmente á categoría de “cidadanía” á metade da poboación que anteriormente ficaba excluída dela atendendo ao criterio do sexo/xénero –como diriamos en termos actuais–.

[…]