O nacionalismo galego, hoxe. Introdución ao ideário e principios programáticos do BNG

Fundación Galiza Sempre

Ideas Impresas #0

Limiar

Un dos nosos obxectos fundacionais é difundir o pensamento político das persoas e entidades que traballan pola consecución da soberania da nazón galega, o progreso social e a profundización da democrácia na perspectiva de acadar unha sociedade galega e mundial máis libre, xusta e solidária.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG), como principal expresión política do nacionalismo galego contemporáneo, acadou en case vinte anos de existéncia uns niveis de representatividade e apoio social que o colocan nunha posición determinante no panorama político de Galiza. Catrocentos mil votos avalan á altura de hoxe a súa alternativa de governo e milleiros de galegos e galegas participan activamente no seu proxecto e iniciativas políticas.

Muitos cidadáns de dentro e fóra de Galiza amosan interese pola experiéncia do BNG. Na Fundación Galiza Sempre queremos facilitar este achegamento recollendo nesta publicación as súas principais liñas ideolóxicas e programáticas, os seus principios organizativos e unha cronoloxía da traxectória seguida desde a súa constitución en 1982. Agardamos que este esforzo divulgativo permita coñecer de primeira man as ideas que sustentan a prática social e institucional desta forza política peculiar que combina un sistema de militáncia individual- organizada en Asembleas- coa existéncia de partidos e colectivos diversos nunha estrutura frentista que posibilitou a unión da pluralidade existente no nacionalismo galego.

Os textos publicados forman parte dos documentos das Asembleas Nacionais celebradas polo BNG en Ferrol (1995), Ourense (1998) e Santiago (2001) e refíren-se básicamente a cuestións centrais dos principios políticos fundacionais -aprobados na Asemblea de A Coruña de 1982- e ás reflexións organizativas que pretenden alentar a militáncia na organización nacionalista. É unha visión introdutória na que non teñen cabida moitas outras análises e posicións sobre temas de actualidade que, coidamos, son mais accesibeis e desbordarían o propósito desta iniciativa.

Somos conscientes de que a síntese pode resultar, en ocasións, esquemática e simplificadora mais enfrentamos ese risco convencidos de que cómpre combater a manipulación ideolóxica e os estereotipos mediáticos espallando pensamentos que son, con demasiada frecuencia, caricaturizados. Animamos, en todo caso, a leitores e leitoras a aprofundar no coñecimento dos conceptos e dados aquí recollidos.

Fundación Galiza Sempre
Maio de 2001

Índice

  • BNG. Escolma de textos asemblearios
    • Ideário e principios programáticos
    • Participación no traballo político e vida organizativa
  • Reseña histórica sobre o BNG 1982-2001
  • Evolución eleitoral do BNG