O escano galego no Parlamento Europeo

O traballo levado a cabo polo BNG nesta lexislatura europea forma parte da loita democrática a prol do recoñecemento político e institucional de Galiza como nación no mundo e do programa de transformación política, económica e social que definen o Bloque como organización nacionalista de esquerdas. Nesta loita democrática, resulta crucial a presenza de Galiza no Parlamento Europeo a través das propostas en clave de País que fixo o BNG que responden ao proxecto nacional galego, que o converteron no escano do pobo galego, a garantía de que Galiza estea representada como País na Eurocámara.

Esta visión de identidade do escano coa representatividade nacional galega e de defensa da soberanía nacional e popular, compleméntase no feito que o BNG foi a ponte para trasladar o conxunto de iniciativas e de accións realizadas en Bruxelas e Estrasburgo, cunha visión de valores democráticos, de xustiza social, de igualdade e de solidariedade, nunha comprensión solidaria dos problemas da humanidade e da grave situación que padece unha grande parte da cidadanía, debido á crise económica, ás políticas de austeridade e a unha forte regresión nos valores democráticos e liberdades públicas.

As posicións do BNG na Eurocámara formaron parte inequívoca da defensa da Europa dos Pobos e dunha visión de esquerdas na defensa da diversidade nacional e na loita polos dereitos sociais, medio ambientais, culturais e os dereitos e liberdades individuais e colectivos das persoas e dos Pobos.