Quebec: Unha nación. Aproximación á súa realidade política e institucional

Ana Miranda

Ideas Impresas #2

Introducción

As organizacións do nacionalismo galego preocupáronse sempre por manter unha intensa relación con partidos políticos, asociacións e movementos populares de fóra da Galiza promovendo o intercambio, a solidariedade e o enriquecemento mutuo.

Para contribuír a que eses lazos e intereses se consoliden, a Fundación Galiza Sempre desenvolve un Programa de Intercambio e Cooperación internacional que persigue tamén a difusión da nosa realidade e a da traxectoria social e institucional da expresión política do nacionalismo galego.

Con eses obxectivos promovéronse os encontros políticos que agora presentamos. Celebrados en Quebec e Montreal no mes de xaneiro de 2003 buscaban un mellor coñecemento da realidade do Quebec e do movemento democrático a prol da súa soberanía nacional.

A delegación galega, composta por Camilo Nogueira, Secretario de Relacións Exteriores e eurodeputado do BNG, Carlos Aymerich, Deputado do BNG no Congreso, e Ana Miranda, Asesora parlamentar no Parlamento Europeo e especialista en relacións internacionais, mantivo diferentes reunións con partidos políticos, institucións e asociacións.

Deses intercambios pode destacarse a percepción de que toda a sociedade civil do Quebec ten unha base de común acordo sobre a situación da soberanía: Quebec é unha nación e como tal, necesita dun Estado para garantir os seus dereitos e actuar na realidade mundial. De forma tranquila e con instrumentos de consenso, foise tecendo a actual situación de Quebec que, sen ter acadado o status de Estado, funciona na práctica en moitos temas como un Estado mesmo, partindo desa vocación común do seu autorrecoñecemento como nación a nivel civil.

Coa publicación das principais ideas e informacións recollidas desexamos introducir a lectores e lectoras na realidade política do Quebec.

Agradecemos a axuda prestada na organización deste encontro pola Delegación Xeral do Quebec en Bruxelas, en especial a da súa Directora Mme. Nicole Stanfford, polo Ministerio de Relacións Internacionais de Quebec a través de Marie Krönstom e pola Oficina de Quebec en Barcelona por medio da súa Directora MªJesús Bronchal.

Fundación Galiza SempreSetembro 2003.

Índice

  • CRONOLOXÍA
  • ORGANISMOS INSTITUCIONAIS
    • Encontro na Asemblea Nacional
    • Encontro co director do Consello Superior da Lingua Francesa
    • Reunión no Ministerio de Relacións Internacionais
  • PARTIDOS POLÍTICOS:
    • Parti Québécois (PQ)
    • Bloc Québécois (BQ)
    • Parti Libéral du Québec (PLQ)
  • OUTRAS ORGANIZACIONS
    • Mouvement national des Québécoises et Québécois (NMQ)
    • Universidade McGill
  • QUEBEC NA REDE
  • QUEBEC.CIFRAS NA MAN