As razóns de Galiza

Fundación Galiza Sempre

Presentación

O BNG anda nunha nova xeira despois de tres anos nos que debateu intensamente as prioridades do seu proxecto político. Logo de analizar o avesío panorama mundial que introduciu a globalización e de combater a política retrógrada instalada no Estado español, o nacionalismo galego –a pesar das vicisitudes electorais enfrontadas neste contexto– reafírmase como referente político para o avance da libertade nacional e social no País.

Tras vinte e dous anos de proxecto común o BNG pretende impulsar a Galiza dos novos tempos, a nación que emerxeu con dignidade fronte á neglixencia da Xunta e o abandono do Estado cando a catástrofe do Prestige, crise que volveu evidenciar o papel subordinado que se lle asigna ao noso País no Estado e en Europa e a imposibilidade das forzas políticas estatais para representar axeitadamente os intereses galegos.

Nas tres Asembleas nacionais celebradas entre 2001 e 2003, o BNG acometeu un importante proceso de renovación e remozamento na súa dirección e métodos de traballo, optando por incorporar ao seu demostrado compromiso con Galiza todo o caudal de imaxinación e espírito crítico amosado polo máis vivo da nación galega.

Preséntase ante a sociedade como a única forza política comprometida coa realidade nacional de Galiza, con capacidade de goberno e un proxecto de transformación social.

Desexando suscitar o interese por este proceso entre quen quere traballar polo País sumándose ao nacionalismo galego, publicamos esta escolma de textos extraída dos seus acordos asemblearios máis recentes; resumimos, en poucas páxinas, as ideas coas que o BNG explica a súa razón de ser, os seus argumentos a prol da diversidade e da democracia, para que máis galegos e galegas constrúan activamente as razóns de Galiza.

Fundación Galiza Sempre
Xuño de 2004