Traballo e xénero

Introdución

“Traballos, Vida, Tempos, Desigualdade” foi o título do debate co que a Fundación Galiza Sempre reuniu en Santiago en xullo de 2007 diferentes persoas con responsabilidades sociais e institucionais, preocupadas por impulsar unha nova organización da carga laboral que favoreza a igualdade entre homes e mulleres. A aproximación aos retos da conciliación entre vida laboral, persoal e familiar fixo evidente a necesidade de cuestionar a vixente concepción do traballo.

Conscientes da importancia de propiciar e estender estas reflexións, pareceunos oportuno publicar neste número de Ideas impresas dúas achegas que combinan perfectamente o rigor académico co carácter introdutorio e divulgativo que pretendemos. Matxalen Legarreta, investigadora na Universidade do País Vasco, ofrécenos, en primeiro lugar, unha panorámica de distintas propostas orientadas a repensar o traballo cunha perspectiva de xénero, nas que o tempo como dimensión de análise e a visibilidade do traballo non remunerado ocupan un lugar importante. Pola súa banda, Cristina García, profesora de Socioloxía na Universidade Autónoma de Madrid e unha das relatoras no debate citado, aborda os discursos e as prácticas de conciliación nas empresas, as medidas adoptadas e os seus resultados, sinalando os riscos de reproducir a discriminación das mulleres ou de excluír -no contexto económico da mundialización neoliberal- a maioría das persoas traballadoras das posibilidades da conciliación.

Agradecemos a ambas autoras a súa amábel colaboración e agardamos que a lectura dos seus traballos dinamice onda nós novos comportamentos e ideas que pulen por transformar a actual realidade laboral nun sentido máis libre e igualitario.

Fundación Galiza SempreDecembro, 2007

Índice

  • Repensando o traballo cunha perspectiva de xénero:Algunhas propostas desde a centralidade dos aspectos temporais Matxalen Legarreta Iza
  • Relacións laborais e relacións de xénero.Discursos e prácticas de conciliación nas empresas Cristina García Sainz