A UE como problema. Reflexións desde Galiza

Fundación Galiza Sempre

A UE COMO PROBLEMA

Se necesario foi onte, máis necesario é hoxe, debater, reflexionar e formular alternativas fronte a esa megaestrutura político-institucional, imperio de novo cuño, nova forma imperial da época da “globalización”, que non outra cousa é esta Unión Europea a que Galiza está encadeada por obra e graza do Estado español en que esmorece sen remedio nin esperanza.

O nacionalismo político, desde a análise independizada do pensamento dominante, independizada do europapanatismo abstracto, desde Galiza, foi quen de caracterizar o enxendro europeo como antidemocrático e nefasto para o noso desenvolvemento futuro. En coherencia, tivemos a coraxe política, fronte a abafante propaganda que nos prometía ríos de leite e mel, de advertir o pobo galego das consecuencias negativas da integración na UE. Ao tempo, certo que con nulo resultado, que formulabamos propostas que mellorasen a nosa capacidade de decisión, que variasen as políticas que segaban os nosos sectores produtivos ou democratizase o seu funcionamento, actuamos con honradez política expresando claramente a nosa oposición dende o Tratado de Maastrich a Constitución Europea.

O diagnóstico foi acertado. As consecuencias están a vista. O balance é desastroso.
Este modelo de UE non é a solución é xustamente o problema. Éo para Galiza, arruinados os sectores productivos básicos, pesca, naval, agrogandeiría, sen que outros os viñesen substituír, liquidada a autonomía financeira…Envellecemento, despoboamento,carne de emigración como único futuro. Tamén o é para boa parte dos pobos europeos, cada día máis distantes dun modelo que perciben como contrario aos seus intereses. Un modelo que xa só atopa defensa nos representantes políticos do grande capital, conservadores ou socialdemócratas.

Coraxe, honestidade política, necesaria onte, necesaria, hoxe.
Mais aló das belas palabras, a UE é un edificio construído a medida dos intereses do grande capital, nomeadamente do financeiro que non dos pobos, a medida dos intereses dos Estados que non das nacións, onde a convivencia, cada día con máis claridade, demóstrase imposible.

Ao servizo do grande capital e dos estados. E xustamente por iso é un modelo antidemocrático, negador do dereito de autodeterminación e antisocial. Ao grande capital non lle gusta a democracia. A democracia dificultalle maximizar os seus beneficios, e nesta época de crise, real ou ficticia, visibiliza mellor a súa verdadeira faciana antidemocrática da man desa noxenta troika que sen disimulo receita o saqueo do pobo para seguir cebándose. Ao grande capital non lle gusta a soberanía das nacións, “barreiras”, din que dificultan a súa libérrima e descontrolada actuación. Para o grande capital as persoas non son máis que seres dos que extraer as plusvalías do seu traballo.

Este modelo de UE, lonxe de ser a solución, é xustamente o problema. E máis aló dos desexos, non é un modelo reformábel, nun sentido favorábel aos intereses das nacións, dos intereses dos pobos. E non o é porque simplemente deixaría de cumprir a función para o que foi creado e para o que é mantido.

Vivimos tempos en que é necesaria a rebelión, a revolución. En que é necesario darlle un revolcón á vella e inservíbel arquitectura institucional, pór fin a este sistema cruel e corrupto, e construír novos edificios institucionais ao servizo das clases populares. E con toda clareza, tamén a este modelo de UE (capital-estatalista), incompatíbel coas lexítimas aspiracións dos pobos a vivir e traballar con dignidade na propia terra, hai que pórlle fin, envialo ao baúl da historia. Hoxe, a alternativa é soberanía nacional, democracia, pobo. Hoxe soberanía nacional, democracia, pobo é rebelión, é revolución. Dinamita o edificio imperial sobre o que o grande capital sustenta o seu poder e os seus nauseabundos beneficios. Permite abrir o camiño a un novo modelo, tan necesario, como urxente. Cooperación libre, en pé de igualdade entre pobos soberanos no canto de vasalaxe, para construír un novo modelo de desenvolvemento económico e social xusto. Para o pobo galego, para os pobos europeos, para os pobos do mundo. Soberanía nacional, democracia, pobo, imprescindíbel para abrir unha porta á esperanza. Tamén para Galiza.

Derrubar o vello, construír o novo non ha ser doado de conseguir. Mais cando as conquistas democráticas e sociais foron doadas para os povos?

Guillerme Vázquez
Presidente da Fundación Galiza Sempre
Xullo 2014