A autodeterminación non se pide, exércese

“As nacións sen estado non vimos falar das nosas identidades; traemos ao Parlamento Europeo propostas para profundizar a democracia e procurar solucións alternativas de saída á crise”. Carles Riera, abría con estas palabras perante a prensa internacional o Seminario sobre Autodeterminación celebrado en Bruxelas o pasado 20 de setembro. O presidente do CIEMEN e da Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos -organizadora do acto- estaba acompañado pola eurodeputada do BNG Ana Miranda que recibíu en nome do grupo ALE aos máis de 65 participantes.

Na sesión inicial, Xabier Macias, director de Galiza Sempre, destacou a importancia de “compartir reflexións e experiencias entre distintos pobos e redes internacionais” nun momento en que, “canda a procesos de avance social no exercicio dos dereitos nacionais en Escocia ou Catalunya albíscanse ameazas de recentralización no Estado español utilizando a crise como excusa para sumar aos brutais recortes sociais a limitación do escaso autogoberno disponible”.

Daniel Turp, profesor na Universidade de Montreal e exdeputado no Québec insistíu no “diálogo e a participación como a esencia da democracia” chamando a exercer actos concretos de autodeterminación como xa fixo o Québec cos seus referendos e como fará o novo goberno independentista gañador dos recentes comicios adoptando tanto unha “Constitución e Cartas de laicidade ou cidadanía para os habitantes do Québec” como unha “Carta da Lingua francesa como idioma común da nación”.

A xurista catalana Gemma Calvet situou, pola súa banda, a autodeterminación na tradición de dereitos básicos presentes na orixe do proxecto europeo como a “defensa da dignidade ou a non discriminación”. Despois das intervencións de representantes da Alianza Libre Europea e da esquerda abertzale, tanto Mohand Meziani, polo Congreso Mundial Amazigh da Cabilia alxeriana, como Nilufer Koc, polo KNK, Congreso Nacional do Curdistán, criticaron o modelo de Estado-nación que, importado dos estados coloniais europeos, se impuxo nos seus territorios negando a realidade dos pobos autóctonos.

A este feito refeririase na clausura Aureli Argemí, presidente de honra do CIEMEN, ao reclamar a necesidade de camiñar cara novos modelos de estado. “Non somos minorías” dixo, ao tempo que chamaba aos pobos a “tomar” o seu dereito de autodeterminación sen agardar a que lles fose concedido.

Asistiron ao Seminario, entre outros, representantes de organizacións de Bretaña, Catalunya, Gales, Galiza, Córcega, Flandes, Cabilia, Curdistán turco e sirio, Pais Basco e tuaregs do norte de Mali.

Podes ver as declaracións de Carles Riera neste enlace: http://vimeo.com/51611102