A Fundación Galiza Sempre renova Padroado e reforzará o seu labor de análise da realidade política e socioeconómica do país

A fundación, vinculada ao BNG, pasa a estar presidida polo que fora portavoz nacional da formación, Guillerme Vázquez Vázquez, e terá como vicepresidenta a Ana Luisa Bouza Santiago, e como director-xerente a Xavier Campos, dun total de catorce membros, entre os que tamén figuran o escritor e ensaísta Suso de Toro, a economista María do Carmo García Negro especialista no sector pesqueiro, o historiador e promotor da revista Murguía, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, Luísa Couceiro, presidenta do Observatorio da Mariña pola Igualdade, Rubén Lois, catedrático de Xeografía da USC, e Mar Pérez Fra, profesora de Economía Aplicada na USC e experta no sector agrario.

O padroado complétase coa presenza dos membros da Executiva nacional: Bieito Lobeira, secretario de Organización, Goretti Sanmartín Rei, secretaria de Acción Municipal, Ana Miranda, secretaria de Política Internacional, Néstor Rego, secretario de Iniciativas Políticas e Rafa Vilar, secretario de Acción Social.

En palabras de Guillerme Vázquez, o padroado é “o grupo de persoas que vai dirixir a entidade vinculada ao BNG aínda que desenvolve o seu traballo de xeito autónomo e ten como obxectivo fundamental analizar a realidade socieconómica, política e cultural desde unha perspectiva nacionalista, difundir a historia deste País e promover o espazo da lusofonía”.

O portavoz nacional, Xavier Vence, transmitiu os seus parabéns aos membros do novo padroado, aos que agradeceu o seu compromiso co País, aportando os seus coñecementos nos diversos ámbitos académicos e políticos ao servizo de Galiza.