Galiza é recoñecida como nación polo Foro de São Paulo

“O dereito dos pobos a decidir, que non é admitido polo Estado español, é recoñecido polo foro internacionalista máis importante da esquerda”, afirma Ana Miranda
La Paz, Bolivia, 31 de agosto de 2014.- A XX edición do Foro de São Paulo, o foro internacionalista que reúne a esquerda latinoamericana, rematou onte na cidade boliviana de La Paz, con asistencia máis de 650 representantes de 180 partidos políticos da esquerda, fundacións e organizacións sociais de toda América Latina, así como organizacións políticas de varios continentes.

O BNG e a Fundación Galiza Sempre representaron a Galiza a través da secretaria de Política Internacional do BNG e vogal de exteriores da fundación nacionalista, Ana Miranda, quen estivo en Bolivia para participar na programación deste Foro e para manter diversos encontros bilaterais con organizacións da esquerda latinoamericana. O BNG asistiu xa as edicións de 2003, 2007 e 2010 e conseguiu que Galiza sexa recoñecida como Nación neste evento internacionalista.

A declaración final do Foro resume un plano de acción conxunto de loita contra os gobernos conservadores, neoliberais e excluíntes, e loita conxunta para derrotar o contraataque do imperialismo e das forzas reaccionarias tanto en América Latina como en Europa. Nesta edición valorou as consecuencias das políticas neoliberais, apoiou a loita contra a pobreza e a exclusión social e propuxo procesos de redistribución da riqueza, pola igualdade e a loita contra a discriminación.

Ana Miranda interveu na clausura final deste foro internacionalista transmitindo o saúdo do BNG e da Fundación Galiza Sempre ao Foro de São Paulo e facendo un chamamento á soberanía, á democracia e ao recoñecemento dos dereitos das nacións e transmitiu o respecto do nacionalismo galego aos procesos de soberanía popular dos pobos latinoamericanos.

Chamamento á soberanía
A representante nacionalista agradeceulle ao Foro de São Paulo “o recoñecemento de Galiza como nación e a solidariedade coa situación de crise que atravesa o pobo galego”. “O dereito dos pobos a decidir, que non é recoñecido polo Estado español, é recoñecido polo foro internacionalista máis importante da esquerda e por forzas políticas que son goberno en moitos estados soberanos”, afirmou Ana Miranda. Neste sentido, no Foro foi aprobada por unanimidade unha resolución que recoñece o dereito dos pobos a decidir e, nomeadamente, a consulta soberanista de Catalunya. Tamén o Foro se sumou á declaración de Aiete en favor do proceso de paz do pobo vasco.
Este Foro apoia os candidatos e candidatas das vindeiras eleccións en Bolivia, Brasil e Uruguay para a continuación das transformacións sociais e políticas. O Foro mostrou, ademais, a súa solidariedade co pobo palestino e clamou contra o xenocidio sionista e, así mesmo, solidarizouse co pobo saharauí.

Esta acción enmárcase dentro do programa internacional de traballo da Fundación Galiza Sempre.