Galiza Sempre acolle un encontro sobre perspectivas do Foro Social Mundial

ASISTEN REPRESENTANTES DE REDES INTERNACIONAIS DESDE EUROPA, ÁFRICA, ASIA E LATINOAMÉRICA
Convocados pola Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos, representantes de diferentes redes internacionais reúnense esta fin de semana en Santiago de Compostela para analizar as perspectivas do Foro Social Mundial (FSM).

Despois da décima edición da cita altermundialista celebrada en Dakar (Senegal) o pasado mes de febreiro os convocantes consideran que o proceso do FSM “enfrenta retos importantes que precisan novas propostas orientadas ao seu fortalecemento e extensión”. Na súa opinión, “cómpre impulsar a súa renovación e buscar o xeito de extender cara o Norte xeopolítico a forza emancipadora que o FSM logrou construir ata agora desde os países do Sur”.

Xose Manuel Beiras, presidente da Fundación Galiza Sempre –que fai parte da citada Rede Mundial- expresou en Dakar algunhas destas reflexións que agora queren ser debatidas conxuntamente con outras redes protagonistas do proceso altermundialista. A fundación galega é a anfitriona deste encontro ao que teñen confirmada a súa asistencia, entre outros, os brasileños Chico Whitaker e Moema Miranda (na foto), do GRAP (Grupo de Reflexión e Apoio ao proceso do FSM); integrantes da rede EURALAT (Europa-Latinoamérica) e do CIEMEN (Catalunya); e representantes de redes e organizacións europeas, do Kurdistán e do Magreb.

Algúns participantes xa compartiron en Dakar “reflexións conxuntas na búsca de alternativas á crise económica e civilizatoria, e aos graves desafios medioambientais, a partir da súa crítica común das actuais relacións entre mercado, estado e sociedade”.

O encontro de Santiago – realizado coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e da Deputación de Lugo- pretende contribuír á “capacidade do FSM para seguir aglutinando resistencias e alternativas”, explorando o papel que Europa pode xogar de cara á vindeira edición do FSM a celebrar en 2013 para a que desde a Rede Mundial polos Dereitos Colectivos se traballa nunha posible candidatura galega en Santiago de Compostela.