Nace o Arquivo Histórico do Nacionalismo Galego

O Museo do Pobo Galego acolleu este mércores a presentación do Arquivo Histórico do Nacionalismo. Unha iniciativa que nace a partir do esforzo de 10 entidades que custodian por separado miles de documentos que refiren a Historia do Nacionalismo Galego ao longo do século XX e parte do XIX e que agora poñen ao dispor do público en xeral e do mundo da investigación especializada no portal www.arquivodonacionalismogalego.gal

As entidades que impulsaron esta inciativa son a Fundación Alexandre Bóveda, Fundación Bautista Álvarez, Fundación Castelao, Fundación Galiza Sempre, Fundación Losada Diéguez, Fundación Manuel María, Fundación Moncho Reboiras e Fundación Vicente Risco, xunto con Murguía Revista Galega de Historia e o Museo do Pobo Galego.

O obxectivo desta iniciativa é pór en valor os fondos documentais que posúen as entidades que poñen en marcha este portal web, posibilitando o acceso aos mesmos dun xeito doado, dándolle a estes una cobertura compartida que favorece a súa contextualización nun horizonte histórico de longa duración.

A través do portal, pódense localizar os fondos históricos existentes (catalogados ou en vías de catalogación) en cada unha das sedes físicas das entidades consorciadas para impulsar este arquivo, quer relativos a persoeiros e organizacións diversas do nacionalismo galego, quer publicacións que este movemento editou ao longo do tempo.

A iniciativa nace no inicio do ano 2015, segundo explicou na presentación o historiador Uxío Breogán Diéguez, “non por casualidade. Faino a doce meses do primeiro centenario do nacemento da ‘Irmandade dos Amigos da Fala da Cruña’, primeira das Irmandades da Fala que se organizarían por toda Galiza a partir daquela altura, baixo a iniciativa de figuras como Antón e Ramón Vilar Ponte, Manuel Lugrís Freire, Lois Porteiro Garea, Florencio Vaamonde Lores ou Uxío Carré Aldao; recollendo o testemuño dado polos ‘Precursores’ e os protagonistas do ‘Rexurdimento’ no s. XIX, caso de Antolín Faraldo, Francisco Añón, Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Rosalía de Castro ou Manuel Curros Enríquez, entre outros”.

A este respecto, as entidades anunciaron o seu compromiso coa socialización deste centenario. Xunto a isto adiantaron que convidarán a outras entidades análogas para que sumen os seus fondos documentais a esta plataforma que liga, en suma, o maior elenco documental da historia do nacionalismo.

No acto déronse cita representantes das diversas entidades que impulsan a iniciativa. Intervindo, para alén do propio Uxío-Breogán Diéguez, profesor da Universidade da Coruña, Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao e Xusto Beramendi González, presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego e catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela.