Partido Galeguista, a esperanza frustrada

A fundación e consolidación do Partido Galeguista (PG) entre decembro de 1931 e xullo de 1936, supón a irrupción do nacionalismo galego como forza política capaz de incidir de xeito ás veces decisivo na dinámica política do país. Sen a acción continuada do PG a prol do autogoberno de Galiza hoxe non poderíamos falar do Estatuto de Autonomía de 1932-36. Sen a súa teimuda insistencia, mesmo nos momentos máis desfavorables da República, as forzas tepedamente autonomistas, como a ORGA, renunciarían ao seu autonomismo, e as forzas inicialmente antiautonomistas, como o PSOE, o PCE ou moitos republicanos de esquerdas, non acabarían asumindo a dose suficiente de autonomismo para facer posible o Estatuto.

Pero se o PG puido cumprir ese papel de dinamizador dunha conciencia galega de seu foi porque soubo ser unha organización política internamente cohesionada, malia as fondas discrepancias ideolóxicas internas, e altamente eficaz no seu labor de penetrar en todos os sectores da poboación galega coa axuda dunha mensaxe democrática e socialmente avanzada e da imaxe de honestidade sen fendas nos seus dirixentes. Grazas a todo isto puido obter nas eleccións de novembro de 1933 resultados electorais superiores aos socialistas nas provincias de A Coruña e Pontevedra, e foi quen de incorporar a numerosos sindicatos agrarios, a grupos pequenos pero significativos de traballadores e empregados urbanos e de mulleres de todas as clases sociais.

Sen dúbida a breve experiencia do Partido Galeguista da época republicana conseguiu que o nacente nacionalismo galego arraigase o suficiente para poder resistir o brutal golpe da barbarie franquista e re-agromar vizoso trinta anos despois.

Conmemoramos o anivesario da Asemblea fundacional do PG (Pontevedra, 5,6 de decembro de 1931) reproducindo este texto de Xusto Beramendi, Catedrático de Historia Contemporánea da USC, incluido no folleto: Partido Galeguista, a esperanza frustrada. A represión sobre o nacionalismo galego en 1936, editado por Galiza Sempre en 2006.