A poboación galega entre as peor representadas no Parlamento europeo

O Centre Maurits Coppieters (CMC), ligado a EFA_ALE (Alianza Libre Europea), reclama maior representación para as nacións sen estado no estudo The Ascent of Autonomus Nations publicado recentemente. A fundación política europea presidida por Xabier Macías, director de Galiza Sempre, argumenta neste traballo que, fronte aos estereotipos habituais, en Europa ser pequeno é, comparativamente, unha vantaxe institucional: os estados de menor tamaño teñen mellor representación e máis poder de influencia na Comisión, no Consello e no número de eurodeputados/as. Eis a razón da crítica da limitada representación padecida polos cidadáns con gobernos subestatais coma o galego fronte aos habitantes dos pequenos estados independentes da UE.

O estudo destaca que a poboación galega se sitúa entre as peor representadas no Parlamento Europeo (PE). Por caso, Galiza, con 800.00 habitantes máis que Eslovenia, ten a metade de escanos no PE. O noso País conta en 2012 con 1 eurodeputado por cada 700.000 habitantes, Eslovenia 1 por cada 250.000 (A media europea é de 1/600.000).

GALIZA CHEGARIA TRIPLICAR A SÚA REPRESENTACIÓN COMO MEMBRO DE PLENO DEREITO DUNHA UE-34
A situación era aínda peor na data de elaboración do estudo (2011), antes da incorporación da cuarta eurodeputada galega, a nacionalista Ana Miranda, do BNG. De feito, o estudo sitúa a Galiza como a nación máis beneficiada dunha ampliación da UE a 34 estados pois chegaria triplicar a súa representación no PE, a única institución elixida por sufraxio directo, escollendo 9 eurodeputados/as dun Parlamento europeo que, mantendo o seu número total actual (754 MEPs), permitiría mellorar tamén -de acordo á alternativa suxerida en base aos mesmos criterios actuais de asignación de número de eurodeputados por estado- as representacións de Euskadi, Catalunya e mesmo a do resto do actual Estado español. O cambio de estatus significaría asemade representación directa no Consello e na Comisión europeas.

O autor do estudo, Matthew Bumford, investigador galés formado nas Universidades de Londres e Edimburgo e colaborador da eurodeputada do Plaid Cymru e da ALE Jill Evans, destaca na introdución a dinámica emerxente do recoñecemento da autodeterminación de novas nacións: “nos últimos 20 anos os membros das Nacións Unidas pasaron de 159 a 193”, unha tendencia que se albisca tamén con claridade en Europa onde Escocia e Catalunya poderían celebrar referendos en 2014.

Nun momento en que a incapacidade europea perante a crise acentúa a necesidade de procurar alternativas institucionais, a Fundación Galiza Sempre, presidida por Xesús Veiga, entende que este tipo de estudos e reflexións deben ser incluidas nos debates sobre perspectivas e intereses estratéxicos da nación galega, habitual e históricamente mal defendidos en Bruxelas polo Estado español.

(No gráfico: número medio de habitantes representado por cada eurodeputado/a, gobernos subestatais -en verde- incluidos. Con datos do 2011, Galiza sitúase na cola, á dereita).