A Alianza Social Galega apoia a folga xeral do 14 de novembro

A Alianza Social Galega apoia a folga xeral do 14 de novembro

A Alianza Social Galega, integrada por case sesenta organizacións sindicais e sociais, aprobou por unanimidade unha declaración de apoio á folga xeral do vindeiro 14 de novembro. Considera que as políticas neoliberais que están a aplicar os gobernos galego e español desmantelan o estado do benestar e conducen a cidadanía a un «empobrecemento masivo» e, polo tanto, a unha sociedade «máis inxusta e menos igualitaria». Nesta declaración, a Alianza Social Galega súmase á folga xeral porque «comparte» os seus obxectivos, entre os que cabe sinalar o rexeitamento á reforma laboral, o repagamento farmacéutico, os recortes nas pensións e prestacións sociais, a deterioración e privatización dos servizos públicos, a suba do IVE, a amnistía fiscal a quen defrauda ou o desmantelamento dos nosos sectores produtivos básicos. As organizacións que conforman a Alianza Social Galega afirman que hai «razóns suficientes» para secundar a folga xeral do 14 de novembro, polo que fan un chamamento á cidadanía a participar.

A Alianza Social Galega presentouse publicamente o pasado 18 de outubro. O seu manifesto fundacional está apoiado por case sesenta organizacións sindicais e sociais, entre elas UGT, CCOO e CIG. O obxectivo da Alianza é dar resposta ás «nefastas políticas antisociais» da Xunta e do Goberno central. As organizacións que integran a Alianza Social Galega apuntan que este tipo de políticas antisociais comezaron a ter especial virulencia desde maio de 2010 e que o PP as intensificou desde que chegou ao poder no Estado. Denuncian que estas actuacións «atenden só aos intereses dos mercados» —a banca e o capital financeiro internacional—, que mediante o seu «neoliberalismo depredador» pretende minguar o noso estado do benestar.
Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2012