A exposición ‘Abril é máis futuro’ chega á Coruña

A exposición ‘Abril é máis futuro’ chega á Coruña

O partido Comunista Português en parcería coa Fundación Galiza Sempre e a Associaçom José Afonso – Galiza, traerán á Asociación Cultural Alexandre Bóveda a exposición arredor dos 50 anos da Revolución do Cravos.

A inauguración da exposición terá lugar este sábado 20 de abril ás 12 horas na Asociación Cultural Alexandre Bóveda, e contará coas intervencións de Francisco Jorquera, portavoz do BNG da Coruña, Ana Miranda, eurodeputada do BNG e vicepresidenta da FGS e Miguel Tiago Crispim, ex deputado do PCP. A exposición podera visitarse desde o propio sábado até o 2 de maio.

Con esta exposición a militancia do PCP na diáspora pretende celebrar os 50 anos dunha das efemérides máis importantes para a democracia do país veciño e pór en valor o recoñecemento das xeracións de loitadores cuxa acción foi indispensábel para a liberación do pobo portugués. Un momento crucial que abriu o camiño Para a construción dun Portugal democrático e en paz.

A Revolución de Abril abriu tamén a porta á independencia das colonias portuguesas que desde décadas atrás loitaban pola súa liberación nacional, agrupados en organizacións patrióticas á cuxa fronte se situaban dirixentes como Agostinho Neto, Amílcar Cabral ou Samora Machel, autores dunha obra doutrinal de grande actualidade e influxo no nacionalismo galego dos anos 70.

Desde as entidades galegas colaboradoras, animan a visitar a exposición para coñecer máis e mellor sobre un episodio que marcou unha corrente de esperanza que encheu de apoio e folgos a todos aqueles que na Galiza loitaban contra o fascismo. Cómpre lembrar e ter presente que aquel 25 de abril de 1974 tamén foi quen de abrir perspectivas diferentes sobre un cambio político no Estado e serviu de acollida para a militancia nacionalista na clandestinidade.