A FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE ADHÍRESE A VIA GALEGA, PLATAFORMA PARA A DEFENSA DOS DEREITOS NACIONAIS DE GALIZA

A FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE ADHÍRESE A VIA GALEGA, PLATAFORMA PARA A DEFENSA DOS DEREITOS NACIONAIS DE GALIZA

O pasado día 16 de decembro, tivo lugar unha reunión de organizacións sociais de diferentes sectores, promovida por sete fundacións galegas (Artábria, Alexandre Bóveda, Galiza Sempre, Manuel María,Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Vía Galego), co obxectivo de avaliar a necesidade e o interese en constituír unha Plataforma Social Galega para a defensa dos dereitos nacionais de Galiza, motivado pola situación social e económica que se está a vivir na nosa nación, que leva a que cada vez teñamos menos peso económico e político e desempeñemos como país un papel cada vez máis marxinal, periférico e dependente no contexto do Estado e da UE, con consecuencias que pon en perigo o noso propio futuro como pobo. Xunto con isto está a situación política creada no Estado pola agudización do debate sobre o carácter plurinacional do mesmo e o recoñecemento do dereito de autodeterminación das nacións que o integramos, motivado pola declaración de independencia de Catalunya e a resposta, antidemocrática e represiva, do Goberno Español contra o goberno catalán e as forzas políticas e sociais independentistas.

Feita unha avaliación sobre toda esta problemática, todas as entidades presentes na reunión manifestaron a súa coincidencia na necesidade de constituír esta Plataforma, aberta a todas aquelas organizacións sociais que tiveran interese en participar nela, de cara a unir forzas e crear conciencia social no noso pobo na procura de dous únicos obxectivos :
Recoñecemento de que Galiza é unha nación.
Recoñecemento do dereito a poder exercer libremente o dereito democrático de autodeterminación.
Así mesmo tomáronse, a maiores, os seguintes acordos:
1º.- Apoiar o manifesto que foi enviado coa convocatoria da reunión.
2º.- Propor como nome da Plataforma o de VÍA GALEGA, Plataforma Para a Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza.
3º.- Publicitar a través das páxinas web das diferentes organizacións integrantes da Plataforma, así como en certos diarios dixitais, a realización desta reunión e os acordos acadados na mesma.
4º.- Convocar unha nova reunión para o sábado día 20 de xaneiro, do 2018, na que se trataría o seguinte:

Aprobar definitivamente o nome da Plataforma.
Constituír a Coordinadora Nacional, integrada polos representantes das fundacións promotoras, así como por persoas en representación dos diferentes sectores das entidades que conforman a Plataforma. A Coordinadora encargaríase de executar e facer seguimento dos acordos acadados polo Plenario de entidades integrantes da Plataforma.
Fixar unha data para a presentación pública aos diferentes medios de comunicación da constitución e obxectivos da Plataforma.
Facer propostas de actividades concretas a desenvolver pola Plataforma.
Ver mecanismo para a integración ou colaboración coa Plataforma de persoas interesadas a titulo individual.

5º.- Enviar esta información a todas as entidades que participaron na reunión, así como a todas aquelas que manifestaron o seu interese ou poideran telo.
6º.- Facer un esforzo, por parte de todas as entidades presentes na reunión, para convocar a maior número de organizacións sociais posíbeis de cara a próxima reunión do día 20 de xaneiro.

Estiveron presentes na reunión ou manifestaron a súa adhesión á constitución desta Plataforma, as seguintes entidades:
Asociación Cultural Alexandre Bóveda (A Coruña), Asociación de Veciños de Montealto (A Coruña), Asociación Veciñal Agra do Orzán (A Coruña), Asociación de Veciños Oza-Os castros (A Coruña), Asociación Cultural O Facho (A Coruña), Asociación Cultural do País (Lugo), Asociación Cultural e Musical Solfa (Compostela), Asociación Cultural O Castro (Vigo), Asociación Cultural Centáurea (Gondomar), Asociación Cultural O Galo (Compostela), Asociación Roxín Roxal (Paderne), Asociación Cultural Altofalante (Ribeira), Asociación Cultural Auriense (Ourense), Asociación de Estudos Galegos, Asociación Galega de Emigrantes Retornados MARUSIA, AJA Galiza José Afonso, A Gentalha do Pichel (Compostela), Cultural Aberta (Carral), Confederación Intersindical Galega (CIG), Centro Social Gomes Gaioso (A Coruña), Fundación Artábria, Fundación Alexandre Bóveda, Fundación Galiza Sempre, Fundación Manuel María, Fundación Moncho Reboiras, Fundación Terra e Tempo, Fundación Vía Galego, Federación Galiza Cultura, Federación Rural Galega (FRUGA), Mar de Lumes, Sociedade Cultural Medulio (Ferrol).

Compostela a 2 de xaneiro de 2018