A Fundación Galiza Sempre edita o libro 40 anos ao servizo da Galiza. BNG, 1982-2022

A Fundación Galiza Sempre edita o libro 40 anos ao servizo da Galiza. BNG, 1982-2022

O 25 e 26 de setembro cúmprense 40 anos da fundación do Bloque Nacionalista Galego no frontón de Riazor. Para conmemorar a data, a Fundación Galiza Sempre vén de sumarse á campaña do BNG no seu aniversario coa edición da obra 40 anos ao servizo da Galiza. BNG, 1982-2022.

Trátase dunha obra da autoría do politólogo Manuel Anxo Fernández Baz, na que recolle ano por ano os principais acontecementos que tiveron lugar no país e as accións do BNG. O libro conta con máis de 400 imaxes, moitas delas inéditas, o que converte o libro nun documento político, histórico e gráfico de gran valor.

A presentación nacional terá lugar o próximo mércores 21 de setembro ás 20h no Auditorio Mar de Vigo, un acto no que contaremos coa Portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o autor do propio libro, Manuel Anxo. F. Baz, a histórica militante da comarca de Vigo, Olaia F. Davila e o Portavoz municipal, Xabier P. Igrexas.

Alén da presentación da obra, o acto será un recoñecemento á militancia da comarca que leva traballando dentro da organización desde a Asemblea Constituínte.

Após o acto de Vigo, o libro será  presentado en tódalas cidades do país antes de finais de ano. Nunha segunda fase, a obra chegará a todas as cabeceiras de comarca desde o mes de xaneiro.