A Fundación Galiza Sempre, presenta o venres 5 de abril ás 20 horas no MOME o último caderno da súa colección Ideas Impresas. Este novo número está dedicado á historia do movemento LGBT+ organizado en Galiza. Un documento elaborado polos activistas e estudosos Alexandre Garrido e Daniela Ferrández, ámbolos dous militantes do nacionalismo galego investigadores académicos. Os dous son membros desde a súa fundación da Rede Galega de Estudos Queer e do espazo de pensamento crítico galego Clara Corbelhe.
O caderno explora o mito fundacional do movemento, dando unha lectura crítica e desmitificada das revoltas que aconteceron aquel xuño do 69 en Nova York, así como a relación entre estes e a organización de movemento de liberación LGBT+ ao redor do planeta.
Ademais analiza o contexto histórico, político e social en que a Galiza dos anos 70 recibiu estes ecos e como as activistas beberon de múltiples fontes e teceron alianzas para sacar adiante as primeiras mobilizacións. A través da obra ollaremos como unha serie de organizacións naceron, forxaron lazos, racharon, desapareceron e deron paso a novos grupos que continuaron a loita ao longo das décadas seguintes.
O caderno recorda o impacto que a pandemia da SIDA tivo sobre o colectivo, a capacidade para organizarse e a necesidade de repensar estratexias e prioridades naqueles anos de ‘transición’, de saída da clandestinidade do nacionalismo galego e de emerxencia dos movementos feministas, ecoloxistas e estudantís.
Nas últimas seccións, analiza sobre a viraxe política que supuxeron as loitas pola Lei de Matrimonio Igualitario e a Lei de Cambio de Nome e Sexo xa no novo milenio, do papel que desempeñaron as institucións na construción dun novo marco legal e social e sobre que podemos aprender destas transformacións en retrospectiva.
Na presentación participarán as súas autoras e estará moderado por Xoán Reices, portavoz municipal do BNG na Estrada.
O público asistente poderá levar de balde un exemplar da publicación.