A Fundación Galiza Sempre renova o seu padroado

A Fundación Galiza Sempre renova o seu padroado

A fundación do Bloque Nacionalista Galego reuniuse este martes 28 en Santiago de Compostela para facer efectiva a renovación dos membros do padroado após a asemblea do BNG tal e como indican os estatutos da propia entidade.

Rubén Cela e Ana Miranda repiten como presidente e vicepresidenta respectivamente da Fundación Galiza Sempre, onde continúan como vogais o deputado do Parlamento Galego Luís Bará e Tania Ameneiro, profesora de galego en secundaria. A maiores incorpóranse oito nomes máis nos que se atopan Lois P. Castrillo responsábel de finanzas na executiva do BNG, Breixo Lousada responsábel de movementos sociais do BNG, Lucía López da área de organización do BNG, Montse Prado deputada no Parlamento Galego e responsábel de formación, Inácio Pavón representante da FGAMT-CIG, o ensaísta e escritor David Rodríguez e Lucía Veciño, traballadora da FGS. Esta última foi designada como a nova secretaria da Fundación quen pasa a substituír a Bieito Lobeira que até o momento se encargaba desta función. Como membros consultivos do padroado continúan Xavier Campos, membro da área de comunicación do BNG e a economísta Maica Añón. A composición do padroado fica aberta a posíbeis incorporacións que poidan facerse ao longo deste período.

O padroado constitúe a equipa de traballo e o grupo de persoas que vai dirixir a entidade nos vindeiros dous anos co obxectivo fundamental de servir como ferramenta de análise da realidade socioeconómica, política e cultural desde unha perspectiva nacionalista, difundindo a historia deste país e promovendo un espazo de intercambio de ideas.

No xuntanza mantida na tarde de hoxe o padroado fixo unha valoración das actividades realizadas ao longo do ano, na que se valorou de forma moi positiva actividades como o ciclo de conferencias Diálogos desde a Periferia, a colección de cadernos de análise Ideas Impresas ou as publicacións das grandes efemérides do nacionalismo galego.

Na mesma xuntanza aprobouse un ambicioso plan de traballo para o 2022 no que se marca a curto prazo o obxectivo de ser unha ferramenta de formación á disposición da propia militancia do BNG, poñendo en marcha unha escola de formación continua en colaboración coa organización política. Do mesmo xeito aprobáronse dúas liñas de actuación prioritarias: Unha, dirixida á promoción do pensamento socioeconómico, político e cultural de Galiza, e outra adicada á preservación e difusión da memoria histórica do País e específicamente do nacionalismo galego.

Ademais, na procura dunha nova cultura política asentada na diversidade, solidariedade e coñecemento mutuo, a fundacion quere seguir ampliando as relacións internacionais con entidades homólogas á FGS no estado, en Europa, no ámbito da lusofonía e en América Latina, así como seguir participando activamente en espazos conxuntos como son o Forum Soberanista e a Fundación Coppieters.