Campaña Stop Israel Nuclear | Un millón de voces na ONU

Campaña Stop Israel Nuclear | Un millón de voces na ONU

Desde que en 1974 a ONU aprobara a Resolución 3263 (XXIX), instando o establecemento no Oriente Medio dunha zona libre de armamento nuclear e outras armas de destrución masiva, foron numerosas as ocasións en que as Nacións Unidas e outros organismos internacionais reiteraron o mesmo chamamento… e outras tantas as que fracasaron no seu propósito. A última, en 2010, cando a Conferencia de Revisión do Tratado de Non Proliferación Nuclear (NPT) instou a convocatoria dunha conferencia en 2012 para pór en marcha o proceso e a iniciativa foi, mais unha vez, boicotada por Israel e os EUA.

A declaración do Oriente Medio como zona libre de armamento nuclear implicaría a adhesión de Israel ao TNP en calidade de estado non nuclear e a ubicación de todas as súas instalacións sob o control da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA), ao igual que xa fixeron o resto dos estados da rexión.

Se Israel abrise as súas instalacións ao escrutino dos inspectores da AIEA, o Consello de Seguranza da ONU (CS) podería coñecer a real envergadura do perigo que eses arsenais supostamente secretos representan e estaría obrigado a tomar as medidas necesarias para eliminar a ameaza que paira sobre a fráxil paz da zona.

No entanto nada é como debería. Coa súa insensata e interesada irresponsabilidade, o CS deixa a Israel as mans libres para aumentar a súa potencia nuclear fora de calquera control, abstense de urxir o cumprimento das súas propias resolucións e revela a súa incapacidade para conxurar unha catástrofe de consecuencias facilmente previsíbeis.

Mais esta pasividade irresponsábel e os turbios intereses que a determinan non han de ser obstáculo que impida a cidadanía tomar nas súas mans a salvaguarda da paz e reclamar ao Consello de Seguranza, con voz plural e unánime, que tome as medidas precisas para obrigar Israel a abrir os seus arsenais ao escrutinio da AIEA.

Súmate á campaña en: www.stopisraelnuclear.org