Crise e fracaso da Unión Europea neoliberal. Unha alternativa soberanista e democrática

Crise e fracaso da Unión Europea neoliberal. Unha alternativa soberanista e democrática

Galiza Sempre editará nos vindeiros días unha nova publicación analizando “a crise actual do goberno económico da Unión Europea”. En palabras do seu autor principal, Xavier Vence: “o diagnóstico do seu fracaso abre paso a propostas alternativas para a superación desa crise” que se caracteriza tamén, en boa medida, como crise política, “o fracaso dun modelo de integración europea que se revelou demasiado fráxil”.

Vence, Catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela, afirma na introdución que “a incapacidade da UE para dominar a actual crise financeira e de débeda é o fracaso dunha forma de construír a UE e o euro sobre a base duns principios en exceso neoliberais e, tamén, o fracaso dunhas políticas de resposta á crise igualmente guiadas ou asentadas sobre diagnósticos e estratexias netamente neoliberais”.

O libro analiza, entre outros asuntos, o grao de converxencia e diverxencia económica na UE, as consecuencias da desregulación do sector financeiro e a política de competencia, rematando con propostas para unha outra Europa. A publicación, financiada pola Deputación da Coruña e na que colaboran tamén Alba Nogueira, o Centre Maurits Coppieters e membros do grupo ICEDE, alerta da urxencia de decidir entre diferentes alternativas de futuro, ben arriscando “un beco sen saída para unha Europa que continúe coa estratexia actual”, ben asumindo “a necesidade de establecer un novo paradigma, o que traería consigo cambios radicais en institucións que pilotan a economía da Unión así como o deseño de novas políticas e, seguramente, unha nova estrutura política e constitucional” na que deben cobrar protagonismo as nacións sen estado.