FAGAMOS CONTAS

Suso de Toro

Este novembro do 2014 a Real Academia Española publicou unha nova edición do seu dicionario, desde entón e para os comisarios da lingua castellana no mundo a palabra “gallego” xa non será sinónimo oficialmente de tartamudo, tonto e torpe. As razóns con que xustificaron os académicos que até agora figurasen esas acepcións foi que académicos de Costa Rica e El Salvador argumentaron que nos seus países existían esas acepcións, se ben recoñeceron que non o podían demostrar con documentos. A súa palabra bastou.

Iso é para que calquera comunidade humana se sentise aldraxada e, caso de ter estado, para presentar queixas diplomáticas perante o Estado español, que sostén e financia a RAE; porén a sociedade galega só expresou unha queixa a través das deputadas do BNG nas Cortes.

Tan determinantes son Costa Rica e El Salvador? Ou tan insignificante é a Galiza para España? Isto último. Costa Rica e mais El Salvador son países que non teñen, un, máis extensión que a Galiza e, outro, que non tería aló máis de un millón de habitantes se contamos os galegos que residen no país e os que están recoñecidos como tales polo mundo adiante. E calquera deles ten un PIB inferior ao noso. Daquela só queda algunha explicación de orde racial, que sexan dunha cultura ou raza superior; non é o caso, por moito que alí falen un castelán magnífico e aquí unha parte da populación fale un castelán co substrato galego. A explicación é evidente, eses países teñen estado e nós, non. Os galegos non teñen un estado que os protexa en tanto tales e iso implica unha situación de indefensión tan falta de dignidade como exposta aos abusos.

Esa situación de dependencia, froito da derrota política e militar da raíña lexítima Dona Xoana e a cerna da nobreza galega, percibiuna xa no século XVI o conde de Gondomar, constatouno Sarmiento no XVIII e fixo rebeldes aos revolucionarios de 1846 . Fracasada a revolta, levantou acta amarga Rosalía en Cantares Gallegos, Probe Galicia, non debes/ chamarte nunca española/ que España de ti se olvida.

O século XX, unha época vivísima do noso país en que a Sociedade de Nacións recoñeceu o noso país como nacionalidade e en que os galeguistas republicanos gañaron unha forma de autogoberno co Estatuto do 36, foi tamén a época da construción definitiva das estruturas centralizadas do Estado español; a Guerra e o franquismo foron determinantes e na nova época enmarcada na Constitución de 1978 a Galiza faltoulle unha dirección nacional. O balance económico, demográfico, político, cultural…, está por facer. As consecuencias da nosa indefensión, da carencia de estado que nos protexese ou de estado propio simplemente, son evidentes e innegábeis.
Con todo, está por facer o balance destas últimas décadas até esta fin do Réxime da Constitución de 1978. Que proceso viviu o noso país desde a morte de Franco? De que modo foi utilizada a autonomía para afrontar os nosos problemas e desafíos colectivos? A iso queremos responder porque non abdicamos da nación galega. As estruturas do Estado español non só son as vías de comunicación, as estruturas financeiras e meditáticas son, primeiramente, as ideolóxicas e esas están máis fortes que nunca. Volve a consigna, o ritornello, de que a salvación individual de cada un de nós está na Puerta del Sol, que aí están tanto os nosos males como as nosas solucións. “Non tal”, dicimos nós. Dentro das estruturas da dependencia a única saída individual é a emigración, habemos emigrar todos para “progresar”? E ten que ser o noso destino Madrid? Sermos unha “colonia da corte”, como denunciaba Antolín Faraldo no XIX? E nós dicimos “non”. Non haberá liberdade, democracia, oportunidades lexítimas e dignidade se non gañamos o dereito a sermos cidadás e cidadáns galegos/as.

Imos facer balance de ingresos e gastos, balance de danos tras séculos de desastre e tras estas décadas que resultaron frustrantes. E, tras ese reconto, encetar unha nova xeira. Como país teremos que facer distinto de como fixemos.

Ábrese un novo tempo e, como tras a morte de Franco, o poder vai ser desputado novamente. É imprescindíbel que a cidadanía galega se constitúa nun poder político propio e reclame o autogoberno. Nós queremos facer contas para decidir o que precisamos, é unha nova época e nós non renunciamos a cousa ningunha, a tarefa é a mesma: a liberación social e nacional dun país chamado a Galiza que vai na nosa memoria e na nosa imaxinación. Non seremos submisos e seguiremos a afirmar a nosa nación.