Galiza Sempre coorganiza un debate sobre autodeterminación no Parlamento Europeo, coa presenza de Ana Miranda (BNG)

Galiza Sempre coorganiza un debate sobre autodeterminación no Parlamento Europeo, coa presenza de Ana Miranda (BNG)

Cales son as novas perspectivas para a autodeterminación dos pobos no século XXI? Como se poden resolver os conflitos causados pola carencia de vontade democrática dos estados? Eis algunhas das cuestións a debater no seminario internacional “Autodeterminación dos pobos. Modelos de estado” que terá lugar no Parlamento Europeo (Bruxelas) os próximos 20 e 21 de setembro. O acto está organizado pola Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos, da que forman parte 30 organizacións representativas de varias nacións e pobos sen estado de todo o mundo. A Fundación Galiza Sempre é, canda o CIEMEN catalán, unha das entidades fundadoras.

O obxectivo do seminario é reflexionar e facer propostas sobre a construción de Europa desde a perspectiva dos dereitos colectivos das suas nacións sen estado e presentar internacionalmente a Rede Mundial. Entre os participantes, destaca a presencia da eurodeputada galega Ana Miranda (BNG), de Gemma Calvet (Xurista, Cataluña), do exdeputado independentista na Asemblea Nacional do Québec, Daniel Turp, e de representantes de ERC e da esquerda abertzale. No seminario debaterase da situación de nacións e pobos sen estado como Escocia, Bretaña, a Cabilia, o Kurdistán, o País Basco, o Sáhara Ocidental, os paises Catalans, Córcega, Gales e Galiza.

Xabier Macias, director da FGS e presidente do Centre Maurits Coppieters –fundación europea ligada á EFA-ALE, a formación na que se integra o BNG en Bruxelas- moderará o debate.

A Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos comezou a súa andaina no ano 2009 no Foro Social Mundial de Bélem (Brasil) e constituiuse oficialmente en novembro de 2011.