Galiza Sempre participa na constitución legal da Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos

Galiza Sempre participa na constitución legal da Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos

A Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos legalizouse o 30 de novembro en Bruxelas como asociación internacional recollendo nos seus estatutos a intención de: defender os dereitos dos pobos autóctonos e nacións non recoñecidas; impulsar os cambios necesarios na orde xurídico-política internacional e estender o dereito de autodeterminación. A rede nace para coordinar e dar apoio aos movementos e organizacións que defenden a lingua, a cultura e os bens naturais dos seus pobos en tanto que patrimonio da humanidade frente a todo tipo de agresións e discriminacións.

Na acta de constitución legal figuran como fundadores Xosé Manuel Beiras e Xabier Macías, presidente e director de Galiza Sempre, canda o presidente do CIEMEN (Centro Internacional Escarré de Catalunya), Carles Riera, e representantes do País Basco, Bretaña e Kurdistán.

A plataforma iniciou a súa andaina no Foro Social Mundial de Bélem do Pará (Brasil) en 2009 e ten ido agrupando organizacións, sindicatos, asociacións e movementos políticos por todo o mundo. Destacan, entre outras, as representacións de Palestina, de diferentes pobos indíxenas de América Central e do Sur, as de nacións sen estado europeas agrupadas na CONSEU e a do Centro Maurits Coppieters, a fundación política europea ligada a EFA-ALE. Por parte galega teñen amosado tamén a súa adhesión a CIG e o Sindicato Labrego.