Nova web

A Fundación Galiza Sempre (FGS) renova completamente o seu sitio web para potenciar a súa presenza nas redes sociais e mellorar a súa capacidade de comunicación. A nova páxina mantén o blog de novas e informacións sobre actividades e incorpora en diferentes seccións toda a traxectoria e programas realizados pola fundación nacionalista. Así, terase acceso ao seu fondo documental e de publicacións e aos principais contidos desenvolvidos en materia de recuperación e divulgación da memoria histórica. Neste ámbito, ábrese por vez primeira unha canle directa de comunicación co programa de arquivo co que a FGS traballa na catalogación e organización de fondos documentais do Bloque Nacionalista Galego (BNG).

Na web dáse acceso a programas de radio e audiovisuais divulgativos sobre a traxectoria do nacionalismo e a máis de trinta publicacións descargabeis e compartíbeis nas redes sociais: os dereitos de Galiza e doutras nacións sen estado, o feminismo, a crítica do neoliberalismo ou a defensa da participación cidadá son só algúns dos asuntos tratados.

A nova web, financiada coa colaboración da Deputación da Coruña, incorpora tamén unha sección para recomendar lecturas e documentos así como enlaces aos espazos de FGS en flickr, twitter, vimeo e facebook. Para o director da fundación, Xabier Macías, a mellora da presenza en internet “facilitará o cumprimento dalgúns dos obxectivos básicos da entidade como a promoción do debate e o intercambio de ideas que sirvan de fundamento e proxección da causa da soberanía nacional galega”.

A Fundación Galiza Sempre, creada polo BNG en 1999, renovou recentemente o seu Padroado co nomeamento de Xesús Veiga como Presidente e de Helena Veiguela como Vicepresidenta.