Presentación do Libro 22 Documentos do Feminismo Galego en Ribadeo

Presentación do Libro 22 Documentos do Feminismo Galego en Ribadeo

Editado pola Fundación Galiza Sempre, a publicación recolle panfletos e manifestos do movemento feminista galego entre 1975 e 2003. Desde a Asociación Galega da Muller até a Marcha Mundial das Mulleres o libro deixa constancia das principais campañas impulsadas no noso País polo movemento social a prol dos dereitos das mulleres, cunha énfase especial nos anos de construción do movemento nas décadas 70 e 80.

Os documentos agrúpanse en diferentes apartados contemplándose, en primeiro lugar, o empeño de ruptura co rol tradicionalmente asignado ás mulleres para abordar despois outros ámbitos do esforzo emancipador do feminismo: a sexualidade, o traballo dentro e fóra da casa, a necesaria independencia das mulleres ou a súa actuación cara á esfera política. En palabras dos editores, procurouse “abranguer os principais temas de actuación e reivindicación feminista do período, cunha escolma de textos ilustrativos das análises realizadas polas organizacións en iniciativas preferentemente conxuntas, unitarias”

En colaboración co Observatorio da Mariña pola Igualdade, a presentación será mañá venres ás 20.30h na Libraría “A Casa das Letras” de Ribadeo e participarán Isabel Rodríguez Mate, historiadora e investigadora e Ana Méndez Iragorri, presidenta do Observatorio.