Presentación do libro Independencia é revolución. A soberanía nun mundo en crise

Presentación do libro Independencia é revolución. A soberanía nun mundo en crise

A vindeira semana estará en Galiza o ex deputado da CUP nas Cortes, Albert Botran, para presentar o seu último libro Independencia é revolución. A soberanía nun mundo en crise.  O libro foi traducido este ano pola editora galega Tempo Galiza, coa que a FGS organiza dúas presentacións en Santiago de Compostela e Vigo.

Na obra, o autor reflexiona con seriedade e rigor sobre o proceso independentista catalán que tivo o seu punto álxido en 2017, sobre as súas fortalezas e fraquezas, sobre os seus antecedentes, mais tamén sobre as súas perspectivas de futuro, a partir dunha visión esperanzada, de convicción de que o futuro dos Països Cataláns será de liberdade.

Mais tamén sobre a importancia da soberanía dos pobos como elemento democratizador e como ferramenta para enfrentar os desafíos do futuro nun mundo en crise, para confrontar as crises provocadas pola voracidade do sistema capitalista e fenómenos conexos como o auxe do autoritarismo e da extrema dereita e a reconfiguración das relacións internacionais.

As presentacións terán lugar ás 20h os días xoves 5 (Espazo Etnocultural Vide, Vide!) en Santiago de Compostela  e venres 6 (Libraría Cartabón) en Vigo. Contará coa presenza do eputado do BNG nas Cortes, Néstor Rego, e membros da FGS e do espazo Clara Corbelhe, quen colabora na difusión do libro.