Testemuñar a solidariedade galega co pobo palestino

Testemuñar a solidariedade galega co pobo palestino

Gonzalo Constenla, secretario de Relacións Exteriores do BNG e membro do Padroado da Fundación Galiza Sempre, visitou Palestina entre o 27 de outubro e o 1 de novembro nunha viaxe organizada pola fundación nacionalista para promover a solidariedade co pobo palestino, no marco das súas actividades internacionais de impulso ao recoñecemento dos dereitos colectivos dos pobos.

“Coa nosa presenza quixemos testemuñar a solidariedade do noso pobo coa causa da nación palestina”, afirmou Gonzalo Constenla durante un acto informativo en que estivo acompañado polo xerente da Fundación Galiza Sempre, Xabier Macías, e o analista político palestino, Fayez Khalaf (na foto).

“Un dos obxectivos da visita a Palestina foi o da sensibilización da poboación galega sobre a situación que está a vivir o pobo palestino. Estamos a falar dunha nación que quer exercer un dereito humano tan elemental como é o de vivir na súa propia terra. Un pobo que se enfrenta as políticas de exterminio, apartheid e acoso que desprega contra el o Estado de Israel”, sinalou Constenla quen tamén denunciou o “muro da vergonza” que está illando Cisxordania, territorio ocupado por Israel, “que condiciona absolutamente toda a vida palestina”, dixo.

“Hai familias divididas, queren desposuír os palestinos das súas propias terras, estanse derrubando barrios enteiros, hai unha presión tremenda e non se deixa construír para darlles esas terras aos colonos xudeus”, relatou. “Puidemos ser testemuñas de hospitais e de aldeas bombardeadas polo exército xudeu”, explicou Constenla, “por tanto, é unha situación de total asedio, destrución e holocausto dun pobo que ten dereito a existir”.

En Ramala, a capital administrativa da Cisxordania ocupada, estabeleceronse relacións coas institucións locais e ofrecéronlle “a posibilidade de realizar un irmanamento con algún concello galego para manter unha relación continua no tempo”. Ademais, cursaron un convite do grupo parlamentar do BNG a unha deputada do Consello Lexislativo Palestino, “exemplo de como o pobo palestino está confinado nun cárcere en torno a un muro, aqueixada por unha enfermidade grave, que non pode ser tratada alí, para que veña a unhas xornadas de traballo en decembro para que poida contar e ser tratada da doenza grave que padece en Galiza, xa que se ve privada do dereito básico á saúde”.

Pola súa parte, Xabier Macías enmarcou esta actividade impulsada pola Fundación Galiza Sempre “na busca da solidariedade e do coñecemento doutras experiencias asi como na proxección internacional da nosa nación, de Galiza”.

Ademais, o analista político Fayez Khalaf reclamou “a construción dun estado democrático laico na Palestina histórica para os seus cidadáns”, logo de describir a situación nestes territorios.