Xornada Conflitos Territoriais de Soberanía en Europa

Xornada Conflitos Territoriais de Soberanía en Europa

O próximo sábado 21 de maio a Fundación Galiza Sempre acolle en Santiago de Compostela a presentación das “Bases para a resolución de conflitos territoriais de soberanía no marco europeo”. Trátase dun documento colectivo no que participaron máis de 50 persoas do mundo académico de diferentes universidades e institucións de investigación, promovido polo Institut d’Estudis Catalans e a Eusko Ikaskuntza e no que veu colaborando a Fundación Galiza Sempre.

Este documento xurde dunha iniciativa sen precedentes, buscando ser un protocolo de actuación para asentar unhas bases que permitan iniciar un debate no seo das institucións europeas e doutras institucionais internacionais como a ONU sobre a necesidade de dar unha resposta democrática aos conflitos territoriais de soberanía. O obxectivo final das bases é a súa maior socialización e que poidan ser debatidas e e asumidas polo maior número de institucións posíbeis.

A presentación do protocolo estará inxerida nunha xornada de mañá que terán lugar no Hotel Palacio do Carme e na que terán cabida poñentes internacionais do ámbito institucional e social. É o caso da responsábel de relacións internacionais para Europa do Sinn Féin, Martina Anderson, a portavoz de Mulleres pola Independencia de Escocia, Maggie Lennon ou o académico e especialista en dereito internacional, Jaume López.

O acto é aberto, mais para unha mellor previsón é indispensábel a previa inscrición a través do correo: fgs@galizasempre.gal antes do próximo mércores 18 de maio.