17/11/2008
Galiza Sempre edita un facsimile co manuscrito do Manifesto aprobado na Asemblea nacionalista de Lugo de 1918
90 ANIVERSARIO DA I ASEMBLEA DAS IRMANDADES DA FALA
A Fundación Galiza Sempre, presidida por Xose Manuel Beiras, adquiriu en 1999 o manuscrito do Manifesto da Asemblea nacionalista de Lugo co obxecto de contribuir á recuperación da nosa memoria histórica e prestar homenaxe a todas as persoas que teñen traballado a prol do proxecto político do nacionalismo galego.
Ao se cumprir agora o noventa aniversario da I Asemblea celebrada polas Irmandades da Fala os dias 17 e 18 de novembro de 1918 na cidade de Lugo, a fundacion nacionalista publica, coa colaboración da Deputación da Coruña, unha edicion facsimile do manifesto ali aprobado, considerado polos especialistas como a acta de nacemento do nacionalismo galego.
A edicion esta prologada por Xusto Beramendi, quen resalta a "grande importancia histórica” do documento por significar “o maior punto de inflexión da historia do galeguismo político”. Para o catedratico de Historia Contemporanea da Universidade de Santiago “os aspectos máis interesantes do programa, por específicos, son os que se refiren á reformulación do Estado español. Consecuentes coa idea de que Galicia é unha nación e España un Estado no que coexisten varias nacións, os redactores enumeran unha serie de reivindicacións que implican un sistema ibérico federal ou confederal auténtico”.
Transcrición do manuscrito
Irmandade da Fala
(A CRUÑA)
Manifesto da Asambleia nazonalista de Lugo
Os persoeiros das Irmandades da Fala reunidos en asambleia magna tida na cibdá de Lugo nos dias 17 e 18 do mes da data pra conquerire do Goberno da Sua Maxestade El Rey autonomia integral da Nazón Galega e fixar n-un programa concreto as que coidan testas soluciós ôs problemas que intresan d-un xeito fondonisimo â vida nazonal da Galicia, aprobaron e sosteñen, c-o corazón ateigado de espranza e os ollos postos no porvir da nay Terra, as siguentes conclusiós, que fan públicas pra conocimento e meditazón do pobo Galego, nestora solemne do albeo das nazonalidades que sinten tremelar a sua y-alma e fan xurdir a súa persoalidade
I
PREVIA
Tendo a Galicia todal-as caracteristicas esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verbe rexonalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas.
II
Problemas costituentes.
1º = Autonomia integral pr-a Galicia.
2º = Autonomia municipal, distinguindo o municipio aldean do vilego, axeitándose o Concello aldean sóbor da base do reconocimento da persoalidade xurídica das parroquias, que terán as súas Xuntas, elexidas antr-os cabezas de familia, (petrucios) homes ou mulleres, pra termaren dos seus bés privativos. Os presidentes ou cabezaleiros d-estas Xuntas, serán vocás nados ou concelleiros da corporación municipal e nomearán d-antre eles o Alcalde que dirixa o Concello. As parroquias, con persoalidade xuridica, poderán contrataren y-estableceren seguros e instituciós de creto an-tros veciños e adeministrare os bés comús, que o Poder Central, terá de lles restituire, dispoñendo o seu aproveitamento.
O Concello terá de sere pol-o tanto, mais que unha organización de carácter ademenistrativo, unha prolongación ou compremento das parroquias, como estas o son do fogar, que presidirá a vida económica e social das mesmas.
3º = Cooficialidade dos idiomas galego e castelán.
4º = Federación da Ibéria.
5º = Dentro d-esta federación, igoaldade de relaciós con Portugal.
6º = Crendo na accidentalidade das formas de goberno intrésanos acrarar que non apelamos por ningunha, mais simpatizaremos dende logo con aquela que se amostre mais doada pra chegare â federación con Portugal.
7º = Ingreso das nazonalidades da Ibéria na Liga das Nazóns.
III
Problemas politicos
1º = Igoaldade de dereitos pr-a muller
2º = Custión eleitoral:
(a) A función eleitoral terá de sere da responsabilidade do goberno e protexida pol-o Poder público.
(b) Representación proporcioal como sistema eleitoral.
(c) Non serán elexibles os elementos que non rendan unha función útil pr-a colectividade.
(d) A Asambleia declara: Que si nas eleiciós pr-a Cortes Constituentes Hespañolas non se nos dera unha prenda en garantia exceicional pr-a que a vontade do pobo poida manifestarse con toda libertade- pois coas organizaciós oligarquicas de oxe non seria abranguible- apelariamos ôs representantes das nazonalidades Eúskara e Catalana e, si elo non abondara, ô Estado mais afin ô noso pra que na Liga das Nazóns defenda o noso dereito â libertade cibdadana.
3º = Acabamento das Diputaciós provinciás.
4º = Creación do Poder Autónomo, representado por un xuntoiro ou Parlamento Galego, elexido por sufraxio universal, con todal-as facultás que a reforma da Costitución non garde pr-ô Poder Central e sempre, pol-o menos as siguentes:
IV
Facultás do Poder Galego
1ª= Nomeamento da Xunta Gobernadora que terá de exercel-o Poder executivo, composta d-un Presidente e seis Segredarios encarregados dos Departamentos de Adeministración, Xusticia, Enseño, Obras publicas, Agricultura, e Industria e Comercio.
2ª = Todal-as funciós adeministrativas.
3ª = Lexislación social, agas n-aqueles casos nos que os problemas sociaes se extendan âs diversas nazóns da Ibéria.
4ª = Réximen tributario, sin intervención do Poder Central ô que somentes pagará o Autónomo a cantidade que se fixe nos concertos económicos.
5ª = A potestade docente do Estado autual pasará enteira ô Poder Galego.
6ª = O réximen bancario no que intervirá pol-a función social que oxe teñen os Bancos. A mesma facultade pr-a solución do Creto agricola.
7ª = Correios e Telegrafos: O seu servicio ô carrego do Poder Central; a sua creación será cousa do Poder Autónomo; o servicio dos teléfonos ô carrego do poder galego. A censura n-estes servicios, non poderá ser exercida pol-o Poder Central mais que no caso de guerra
8ª = Ferrocarris: A sua nazonalizazón. A su lexilazon sobor dos mesmos será facultade do Poder Central; a sua construción e ademenistración, encarga do Poder Autónomo
9ª = Portos francos. A lexislación e regularización do trafico maritimo, encarga do Poder Central.
10ª = Si vén co-a Paz o acabamento dos exercitos permanentes, e no caso de que somente quedaran exercitos policias, tamén será facultade do Poder Galego a fixación das forzas que xuzgue precisas pra o orde interno de Galicia
V
Custiós Xurídicas
1ª = Sustantividade do Dreito foral galego.
2ª = Derogación do Artigo V do Código Civil e reforma do seu articulado no que se refire â sucesión ab-intestato.
3ª = A publicación das leises, farase no idioma Galego.
4ª = Igoaldade de dereitos da muller casada pol-o menos no caso de emigrazón do marido
5ª = A función dos Trabuales da Xusticia rematará en recurso derradeiro en Galicia e sempre realizada por funcionarios galegos.
6ª = As terras dos pequenos propietarios que as laboreen consideraranse instrumentos de traballo pra os efeutos do embargo.
7ª = O arrendatario, terá dereito a unha parte da supervalia do arrendado, sempre que sexa debida a os melloramentos producidos pol-o seu traballo.
VI
Problemas económicos
1º = As custiós aduaneiras, serán resoltas por concerto entre o Poder Autónomo e o Central, salvo o libre cambio de cereales.
2º = Reintegración â propiedade privada, pol-o xeito mais doado dos montes do Estado, dos pobos e de propios
3ª = Repoblación forestal forzosa. Si os particulares a non fan, a faria o Poder galego por anualidades gravando sobre a riqueza creada, o capital invertido mais os intreses. Reforma da lexislación civil n-este punto.
4ª = A Asambleia declara de toda urxencia a resolucion do problema dos gravámenes sobor da terra en Galicia.
5ª = Tamén declara sere un crime contra Galicia o permanente absentismo dos propietarios da terra.
VII
Aspeitos artisticos
1º Proclamar a soberania estética da Nazón Galega que se exercerá:
a) = Sobor as costruciós urbanas e ruraes, ditándose unha ley que obrigue ôs propietarios a axeitare o estilo das suas costruciós ô estilo xeneral de cada vila galega
b) = Na expropiacion de moimentos e paisaxes
c) = Na organización do ensiño artistico, con creación de unha Escola Musical Galega
Na cibdá de Lugo a noite do dazaoito do Sanmartiño do ano de mil novecentos dazaoito.
Por todol-os Asambleistas, representados e adheridos
A mesa Presidencial. Losada Dieguez- Villar Ponte – Peña Novo – Banet Fontenla – Quintanilla – Cabanillas – Castelao – Taibo – Lopez Abente – G. Cedrón – Culebras –
...........................................................................................................
No manifesto publicado, en formato folio e dirixido “Ao pobo galego”, aparecía, ao remate, este texto:
[ Vede, irmáns galegos, o noso programa. Non é nin pode ser nosa verba difinitiva; mais é, por decontado, un berro d´anguria que vos chama e a úneca afirmación creadora feita na nosa patria galega.
Son chegadol-os tempos d´erguere a y-alma e o pensamento de Galicia, e sobor todo a súa soberanía, compreta e sin cativeces. N-isto non caben discusións: Galicia ten direito, un direito fundamental, a ser dona ausoluta de si mesma. Con vountade ceibe faremos nupcias d´amore con outras soberanías, contr´as que non vai nin quér ire a soberanía nosa.
Pensade pois, nas nosas concrusións, feitas pra todol-os galegos. Pró, ademais, sentídeas, practicádeas. Nosos brazos están abertos pr´a fecunda aperta. Todos xuntos melloraremos a grande obra.
O ideial que nos aloumiña vos pide que sintades a Galicia, coma nós no recuncho mais intenso das vosas almas.
Ninguén é inútil pra ista cruzada. A nosa mocedade tén unha santa obriga co-a patria, e agardamos, ateigados do lume inmenso do noso amore, que todo galego dino nos mande súa adhesión á Santa Causa da Redenzón da Nai Terra.
Na cibdá de Lugo, a noite do dazaoito de Samartiño do mil novecentos dazaoito
Pol-os asambleistas:
A.Losada Diéguez; V.Risco; A.Noguerol; X.Quintanilla; M.Banet Fontenla; R.Cabanillas; A.R.Castelao; L.López Abente; V.Taibo; V.Parateha; A.Villar Ponte; J.Ferreira; L.Peña Novo; L.P.Carballa; X.Culebras; E.Bidegain; F.Vázquez Enríquez; G.Cedrón; F.M.Balboa; X.V.Viqueira; R.Blanco Torres; Rodríguez de Vicente; Ivo Fernández; Correa Calderón; R.Villar Ponte; L.Ares; A. Ramos; S.Mosteiro; X.Ares; X.Peña; L.Briones; Díaz Varela; P.Peña Novo; Sánchez Taíz; X.Faraldo; V.Veiga; C.Monasterio; X.Sarmento; L.de Labra; R.Oxea; C.García Colmelo; R.Gutiérrez; X.García Colmelo; F.Abelaira; A.Casal; T.Rodríguez; F.Zamora; V.Maceiras; A.Martínez; I.Rodríguez; X.Robles; R.Carballal; R.Areses; E.Charlón; M.Sánchez Hermida; T.Amador; M.Vázquez; B.Varela; I.A.Garaloces; X.Basteiro; E.Lence Santar, Guitián; V.Casas e X.Monteiro Mejuto.
A Asambreia que aprobou iste Manifesto asistiron personeiros de todal-as Irmandades; estiveron representadas 67 sociedades agrarias, cinco centros culturaes; e mandaron sua adhesión cinco federaciós agrarias, once Concellos, mais de 49 Asociaciós e numerosísimas persoalidades de Galicia.
(A cantos simpaticen con iste manifesto pregámoslles comuniquen-o o mais axiña posibre, a calquera Irmandade de Galicia, pra faguer púbrico o estado da opinión galeguista). ]