26/01/2010

O Premio Rodriguez Peña de arquitectura consolídase como contribución á recuperación do patrimonio galego para adaptalo a novos usos respetando identidade e calidade

O XURADO OUTORGOU O PREMIO A UNHA REHABILITACIÓN EN ESTACA DE BARES E DÚAS MENCIÓNS A TRABALLOS EN SILLEDA E ALLARIZ.
ÉXITO DA CONVOCATORIA, QUE DUPLICOU A PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS RESPECTO Á EDICIÓN ANTERIOR
O xurado II edición do premio Rodríguez Peña de Arquitectura, integrado por Xosé Manuel Beiras, como presidente da Fundación Galiza-Sempre, polo director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, unha representación do Museo do Pobo Galego e do Instituto Galego de Vivenda e Solo, o arquitecto Xan Casabella e a integrante da Real Academia Galega, Margarita Ledo, salientou a contribución que está a facer este galardón á recuperación do patrimonio do País e a súa adaptación a novos usos, sen por iso ter que renunciar a actuacións arquitéctonicas de calidade, e boa proba deste éxito, aseguran responsábeis da Fundación, é que se duplicaron as candidaturas recibidas respecto á primeira edición.

O xurado, que fallou o premio o día 27 de novembro, logo de ter visitado os proxectos seleccionados entre as 24 candidaturas recibidas, decidiu concederllo ao arquitecto Marcos Álvarez Montes (na foto con Xosé Manuel Beiras) pola obra: “Rehabilitación de Vivenda Unifamiliar en Porto de Bares”, no concello de Mañón, da que salientaron a súa calidade arquitectónica e a integración no seu entorno.

O premio, dotado con 6.000 euros e a publicación das obras galardonadas, foi creado en 2007 pola Fundación Galiza Sempre coa colaboración da Consellería de Vivenda, co obxecto de distinguir os mellores traballos de rehabilitación e recuperación do patrimonio construido en Galiza coa condición de que estiveran rematados nos dous anos anteriores ao da convocatoria.

Tratábase tamén, explican dende a Fundación, de recoñecer o compromiso social e profesional de Xosé Henrique Rodríguez Peña, arquitecto e político nacionalista que foi conselleiro de Pesca a finais dos 80 no goberno tripartito presidido por González Laxe e voltou ao parlamento galego como deputado do BNG por Ourense entre 1993 e 2005, falecendo en 2006.

O certame, de convocatoria bianual, tamén recolle, segundo as bases, a concesión de dúas mencións dotadas con 1500 euros, neste caso para recoñecer o traballo de Marta Somoza Medina, como responsábel da obra “Pavimentación e mellora dos espazos libres no núcleo de Santa Mariña de Augas Santas”, en Allariz, e o de Gonzalo Crecente Maseda e Javier Fernández Fuertes polo traballo: “Rehabilitación de casa para turismo rural. A posta da Prata”, en Taboada no concello de Silleda.

Para os responsábeis de Galiza Sempre, cómpre destacar que se recibiron proxectos de diversa tipoloxía, o que é expresión da ampla variedade do patrimonio galego e das súas distintas posibilidades de recuperación para usos actuais.

“Dende Galiza Sempre seguiremos incentivando o esforzo público e particular por dotar de calidade os espazos onde se desenvolve a vida de galegos e galegas conxugando a preservación do noso rico legado patrimonial coa calidade arquitectónica”, concluiu Xabier Macías, director xerente da Fundación e secretario do xurado.

A entrega de Premios celebrouse en Santiago, no Hotel San Francisco, o martes 26 de xaneiro coa presenza dos galardonados (na foto), familiares e amigos de Pepe Peña e representantes de diversas entidades e institucións.
Para visualizar os vídeos
precísase Quicktime

campaña mundial

 

fsg