22/07/2010
Memoria do nacionalismo galego: DVD á venda no Festigal
O DOCUMENTAL DE GALIZA SEMPRE RESUME 170 ANOS DE HISTORIA NA VOZ DE 27 PROTAGONISTAS
Dirixido por Xabier Macías, Comba Campoy e Xosé Zapata o documental Memoria do nacionalismo galego presentouse no Teatro Principal de Santiago de Compostela, o 30 de abril. Producido pola Fundación Galiza Sempre e IB Cinema, percorre os cento setenta últimos anos da historia política, social e cultural de Galiza a través das ideas e das organizacións políticas que crearon o nacionalismo galego. Dende o Rexionalismo do século XIX, ata Castelao e o Estatuto do ano 1936, dende a Transición Democrática ata os comezos desta década, “MEMORIA do nacionalismo galego” é un percorrido por algunhas das principais experiencias e ideas que axudaron a conformar a nación galega.
O traballo reúne por vez primeira aos máis destacados especialistas e protagonistas na traxectoria do nacionalismo galego dende mediados do século XIX aos nosos días. Basease fundamentalmente nos testemuños das 27 persoas entrevistadas, directamente relacionadas coa traxectoria histórica do galeguismo político: historiadores, teóricos, sindicalistas, políticos e intelectuais. A pluralidade de puntos de vista recollidos nunha única obra é un dos méritos da produción.
Máis de 30 horas de gravación deron finalmente en algo máis de hora e media na que interveñen, entre outros, Xusto Beramendi, Xosé Manuel Beiras, F. Fernández del Riego, Camilo Nogueira, Margarita Ledo, Avelino Pousa Antelo, Isaac Díaz Pardo, Pilar García Negro, X.L. Méndez Ferrin, Bautista Álvarez, Lidia Senra, Francisco Rodríguez, Anxo Quintana, Antón Moreda, Encarna Otero ou Xose Ramón Barreiro.
Con esta iniciativa preténdese divulgar a recente historia sociopolítica do País e as achegas do nacionalismo galego ao avanzo da democracia e as libertades. O documental recibiu o apoio da Deputación da Coruña, da Consellería de Cultura e da Televisión de Galicia.
A edición en DVD poderase adquirir no stand da Fundación Galiza Sempre no Festigal, o 24 e 25 de xullo no Campus Sur de Santiago de Compostela.