Un coloquio con Ana Luisa Bouza e Carmen Blanco abre en Lugo a exposición “feminismo galego: cambios sociais e dereitos das mulleres”

Un coloquio con Ana Luisa Bouza e Carmen Blanco abre en Lugo a exposición “feminismo galego: cambios sociais e dereitos das mulleres”

O Museo Provincial de Lugo acolleu entre o 8 e o 22 de marzo a EXPOSICIÓN feminismo galego: cambios sociais e dereitos das mulleres producida por Galiza Sempre. O acto de inauguración, celebrado o 10 de marzo, consistíu nunha Charla-Coloquio coa participación de Ana Luisa Bouza e Carmen Blanco.

Ana Luisa Bouza, Deputada do BNG no Parlamento Galego, foi Directora Xeral do Servizo Galego de Igualdade entre 2005 e 2009. Promotora do grupo de opinión ‘Outras voces feministas’, colaborou coa Revista de pensamento feminista ANDAINA.

Carmen Blanco García, Profesora de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Lugo, formou parte do movemento feminista galego desde os anos setenta. Publicou, entre outras obras: O contradiscurso das mulleres (Nigra, 1995), Alba de mulleres (Xerais, 2003), Sexo e lugar (Xerais, 2006), e, no xénero narrativo, os libros Vermella con lobos (Xerais, 2004) e Atracción total (Xerais, 2008).

O acto foi inaugurado por Xabier Macías, Director da Fundación Galiza Sempre, e Antón Bao, Vicepresidente da Deputación de Lugo.

Producida pola Fundación Galiza Sempre, a exposición: Feminismo galego, cambios sociais e dereitos das mulleres, recolle -nun formato atractivo e accesible para públicos amplios- diversos materiais que dan testemuño da traxectoria e reivindicacións do movemento feminista. A mostra pretende contribuír -por medio da reprodución de textos, publicacións, noticias e documentación gráfica- a impulsar na sociedade galega a reflexión sobre os avances e cambios sociais promovidos polas entidades e organizacións defensoras da igualdade de dereitos mulleres.

A exposición iniciou a súa andaina o 20 de outubro en Santiago e percorreu dende entón diferentes vilas e cidades galegas como Porriño, Allariz, Tomiño, A Coruña e Vigo. A iniciativa –que conta co respaldo do Ministerio de Educación e da Deputación da Coruña- organiza a información en 25 metros de paneis e diversos expositores estruturados nos seguintes contidos:

– As precursoras
– O avance do sufraxismo
– A II República e a proclamación do Sufraxio universal
– As mulleres e a Constitución de 1931
– O golpe de estado e a guerra civil
– A ditadura franquista
– As primeiras organizacións de mulleres no franquismo
– As agrupacións feministas galegas dos anos 70 e 80
– O movemento feminista e a cuestión do divorcio
– Violencia de xénero, sexualidade, maternidade
– A loita pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres
– Novos tempos, novos recursos para a loita feminista

Un xornal distribuído gratuitamente resume os principais contidos.

O guión e os traballos de investigación e documentación foron realizados por Isabel Rodríguez Mate e recóllense fondos documentais de Nanina Santos Castroviejo, da Fundación 10 de Marzo, do Museo do Pobo Galego, e dos museos de Pontevedra e Massó. Nanina Santos Castroviejo, Mª Xosé Agra, Encarna Otero e a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega prestaron asesoramento en distintos aspectos.

O xornal Galicia-Hoxe adicou á exposición o suplemento revista das letras na edición do 28 de xaneiro. Pódese consultar en:
http://www.galicia-hoxe.com/indexSuplementos.php?idMenu=55&idNoticia=510765