Quen somos

A Fundación Galiza Sempre constitúese en 1999, promovida polo Bloque Nacionalista Galego. Inscrita no Rexistro único de fundacións de interese galego da Xunta de Galicia co número 1999/15 e no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, forma parte do Centre Maurits Coppieters, fundación política europea; da Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos; e do Consello Internacional de Arquivos.

A fundación desenvolve dúas liñas de actuación prioritarias: unha, dirixida á promoción do pensamento socioeconómico, político e cultural de Galiza, e outra adicada á preservación e difusión da memoria histórica de Galiza e específicamente do nacionalismo galego.

No ámbito do pensamento pódense distinguir na nosa traxectoria tres eixos temáticos: o mundo das nacións sen estado; a crítica do neoliberalismo, a desigualdade e a exclusión e social; e, en terceiro lugar, as políticas públicas alternativas no ámbito do feminismo, a cultura, a participación cidadá ou as transformacións sociais asociadas ao autogoberno.

Na procura dunha nova cultura política asentada na diversidade, a fundación estende o seu campo de acción alén de Galiza mantendo relacións con entidades do País Basco, Catalunya e Portugal, e participando activamente en redes europeas ou no Foro Social Mundial. En concreto, FGS preside desde 2008 o Centre Maurits Coppieters, que agrupa entidades comprometidas na defensa dunha Europa dos Pobos e do dereito de autodeterminación, e forma parte do Consello Internacional do Foro Social Mundial, proceso que aglutina desde 2001 redes e movementos sociais contrarios á globalización económica en todos os continentes. Neste marco, Galiza Sempre é co-fundadora da Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos canda organizacións doutras nacións sen estado e movementos indixenistas.