A paradiplomacia en Europa. Os casos de Galiza, Aland, Flandres e Grenlandia

A paradiplomacia en Europa. Os casos de Galiza, Aland, Flandres e Grenlandia

A Fundación Galiza Sempre presenta o informe “A Paradiplomacia en Europa: os casos de Galiza, Aland, Flandres e Grenlandia”, impulsado polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI).

O informe recóllese nunha obra editada e financiada pola Coppieters Foundation que será presentada o vindeiro venres 10 de febreiro ás 20h na Casa das Campás de Pontevedra. No acto intervirá a vicepresidenta da Fundación Galiza Sempre e as autorías do informe: Daniel González, Serafín Pazos-Vidal, Marola Padín e Tamara Espiñeira.

Desde o Padroado da Fundación Galiza Sempre valoramos moi positivamente este traballo, pois a colaboración con outras entidades forma parte do ADN da FGS, este informe que vén de ver a luz en forma de libro permitiunos volver a colaborar con outras entidades especialmente relevantes nos seus ámbitos de actuación, como son a Coppieters Foundation e o IGADI. Na traxectoria histórica do nacionalismo galego tense abordado de forma moi tanxencial un tema que, realmente, é chave para unha nación sen estado como é a paradiplomacia. Neste senso, este informe supuxo unha excelente oportunidade para afondar nel.

Neste traballo, desde o IGADI propúxose que, ademais de analizar a paradiplomacia na Galiza, se estudasen tamén outras tres realidades moi diferentes e amplamente descoñecidas para a maioría das galegas e galegos: as Illas Aland, Flandres e Grenlandia. O feito de optar por unha metodoloxía de política comparada á hora de abordar este tema permite, ademais de actualizar análises, poder contrastar potencialidades para o noso país en base a actuais políticas en materia de paradiplomacia que xa se desenvolven noutras nacións sen estado ou noutro tipo de entidades non estatais.

Os capítulos que conforman o informe están redactados por profesionais e persoal investigador que teñen unha ampla traxectoria neste ámbito de estudo:

  • Daniel González Palau é Director do IGADI, licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC con mestrados en Cooperación Internacional e Xestión Cultural e desde o 2014 é o responsábel da investigación “Unha historia para o s. XXI” arredor do desenvolvemento da Lei Paz Andrade en Galiza.

  • Serafín Pazos-Vidal é Doutor en Unión Europea, licenciado en Ciencias Políticas e da Administración e actualmente é expero sénior da AEIDL (European Association for Innovation in local Development).

  • Marola Padín Novas é Vicedirectora do IGADI, analista do Observatorio de Política China (OPCh), licenciada en Ciencias Políticas pola rama de Relacións Internacionais e actualmente profesora de chinés.

  • Tamara Espiñeira é Politóloga e Doutora en Xeografía e profesora de Ciencias Políticas na Universidade de Rennes. Está especializada na dimensión europea das estratexias urbanas propuxo un novo enfoque para a diplomacia urbana na súa tese de doutoramento.

Hoxe en día resulta básico para aquelas nacións que aspiran á súa autodeterminación o recoñecemento do seu carácter nacional no ámbito internacional. Nese sentido, as relacións paradiplomáticas son esenciais. Máxime nun mundo tan volátil como o actual, cada vez menos unipolar e máis multicéntrico e onde moitos esquemas do séxulo XX non valerán para enfrontar os retos do século XXI.