Rubén Cela, novo presidente da Fundación Galiza Sempre

Rubén Cela, novo presidente da Fundación Galiza Sempre

Rubén Cela Díaz é o novo presidente da Fundación Galiza Sempre, tomando o relevo de Francisco Jorquera.

Rubén foi director xeral de xuventude, portavoz municipal do BNG de Santiago e é membro da Executiva Nacional do BNG.

Na rolda de prensa celebrada en Compostela no día de hoxe, asegurou que a entidade debe xogar un importante papel nun momento no que a política se caracteriza pola inmediatez e infantilismo político. Neste sentido, remarcou que a Fundación centrará os seus esforzos en facer unha reflexión máis profunda en aspectos   cruciais para o futuro de Galiza como nación.

A Fundación Galiza Sempre cumpre 20 anos  polo que abordará un gran número de actividades na formación, divulgación, creación de pensamento nacionalista así como nas demandas  da Memoria histórica.

Esta nova etapa centrarase na liña editorial polo que se abordarán traballos novos e a reedición de obras clásicas do pensamento político na Galiza que irán acompañados de conferencias, seminarios e recursos audiovisuais. Ademais darase grande releve á investigación como espazo de reflexión, rigor e análise científica do conxunto do nacionalismo galego en asuntos como o modelo de  financiamento, a ordenación territorial,  acordos de libre  comercio ou  eutanasia. Outro dos piares será continuar coas reivindicacións en materia de Memoria histórica en Galiza.