PRIMEIRO ENCONTRO DE FUNDACIÓNS VINCULADAS ÁS ESQUERDAS NACIONAIS DOS POBOS DO ESTADO ESPAÑOL

PRIMEIRO ENCONTRO DE FUNDACIÓNS VINCULADAS ÁS ESQUERDAS NACIONAIS DOS POBOS DO ESTADO ESPAÑOL

Desde a FGS queremos comunicarvos que a finais do ano pasado tivo lugar en Barcelona, organizado polo CIEMEN – Centre Internacional Escarré per a lles Minories Ètniques i lles Nacions- un primeiro encontro de fundacións vinculadas ás esquerdas nacionais dos pobos do Estado español, incluídas fundacións vinculadas a centrais sindicais e unha representación directa de partidos carentes de fundación. Era a primeira vez que organizacións políticas e sindicais que se reivindican do espazo ideolóxico entendido en sentido amplo que é a esquerda soberanista (con tradicións moi diversas que van desde o anticapitalismo á sociademocracia progresista pasando polo ecosocialismo ou o republicanismo) atopábamonos para intercambiar impresións.

Valoramos moi positivamente as sinerxias xurdidas entre as organizacións e mostramos claramente a nosa vontade de seguir compartindo reflexións e ideas, manténdonos en contacto e fixando un novo encontro.

De forma xenérica coincidiuse na necesidade de articular un discurso baseado na soberanía dos pobos como alternativa tanto ao neoliberalismo hexemónico como á preocupante ascensión da xenofobia, a extrema dereita e as diferentes formas de fascismo en xeral. Un discurso que traballe a necesidade dunha alternativa á globalización que os estados e o capitalismo neoliberal máis feroz impulsaron de forma particularmente acusada desde finais dos noventa – e que xestionou, cabe dicir, de forma nefasta, a crise de 2008- e que teña na defensa da solidariedade, a xustiza social, as liberdades sexuais e reprodutivas, o medio ambiente, a diversidade cultural e os dereitos colectivos dos pobos o seu común denominador, o seu ADN.

Neste sentido fíxose unha chamada a que as esquerdas e forzas progresistas aínda remisas a defender o dereito de todo pobo á súa libre elección, incluída a formación de novos estados se así o establecen as maiorías sociais democraticamente, cambien de posición e aposten con determinación por este dereito, clave na construción dunha alternativa á globalización neoliberal, que ensambla estados e axentes internacionais non elixidos por ninguén para someter aos pobos e as maiorías sociais. Por último e aproveitando a ofensiva que o Estado español está a realizar e realizará durante os próximos meses contra representantes electos cataláns, as organizacións quixemos expresar o noso pleno apoio e solidariedade ao pobo catalán e ás súas institucións democráticas que, ante a cerrazón do goberno español, tiveron que optar pola vía da unilateralidade.